A CIG cifra entre un 70 e un 80% a participación na folga indefinida dos SAF
• Malia os servizos mínimos do 100% decretados, as traballadoras buscan a forma de secundala
Infogauda / Compostela
A CIG-Servizos vén de cifrar a participación na primeira xornada de folga indefinida nos Servizos de Asistencia no Fogar (SAF), entre un 70 e un 80%. Transi Fernández, secretaria nacional, salienta a implicación das traballadoras, que malia ter decretados uns servizos mínimos do 100% na maioría dos concellos, buscan a forma de secundala unha vez feitos os labores esenciais.
Fernández sinala, porén, casos como o do concello de Vigo, que anunciou servizos mínimos sen poñer a porcentaxe nin das auxiliares, nin das coordinadoras que ten que haber, ou o concello de Cambre, na comarca da Coruña, que nin sequera os decretou.
A este respecto explica que no caso do concello de Vigo, ao non se especificar quen está de servizos mínimos, hai unha grande preocupación entre as traballadoras ás que “a empresa estalles dicindo que se queren ir á folga, que vaian, e teñen medo de secundala e que ninguén se faga cargo das persoas que dependen da súa atención se ninguén vai cubrir ese servizo”. Fernández teme que a propia empresa queira que “isto sexa un caos” e adianta que van tratar de negociar coa concesionaria para que se defina claramente a situación para que as traballadoras saiban a que aterse.
En todo caso, a secretaria nacional de CIG-Servizos salienta que, en xeral, as traballadoras en servizos mínimos están cubrindo os servizos e atención esenciais para logo poder participar, xunto coas súas compañeiras, nas innumerábeis concentracións que se desenvolveron en cidades e vilas ao longo da xeografía galega. Servizo público esencial
Subliña que esta folga non se estaría producindo “se tiveramos un servizo totalmente público xestionado pola Xunta de Galiza que garantira condicións salariais e laborais dignas e en igualdade de condicións para todas as traballadoras dos SAF”.
Neste sentido reitera o rexeitamento da CIG e das traballadoras á dobre escala salarial pactada no preacordo asinado por CCOO e UGT, que implica condicións salariais diferentes en función do concello onde desenvolvan o seu traballo.
Dobre escala salarial
Lembra que ás traballadoras dun concello no que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos, se lles apliquen incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que as traballadoras do concello do lado, onde liciten este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. “Unha terá en dous anos unha suba do 2% e a outra dun 6,30%”, explica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario