Dani Martínez e Diana Domínguez, gañadores absolutos da novena edición do Trail do Trega
• A proba deportiva disputouse este domingo día 20 de novembro no Monte Santa Trega
Infogauda / A Guarda
O domingo día 20 de novembro de 2022 a vila de A Guarda acolleu a novena edición do Trail do Trega, unha proba deportiva con 16 quilómetros de percorridos de pura natureza patrimonial e paisaxística nun dos emprazamentos máis espectaculares de Galicia e de todo o noroeste peninsular.
A xornada non comezaba doada, xa que as abundantes precipitacións dos últimos días continuaron durante realización da proba, o que, sumado a unha intensa néboa, adiantaban que o evento ía a ser moi duro para os máis de 300 participantes inscritos.
Ás 10:30h daba comezo o trail e rapidamente os participantes puxeron un alto ritmo que perdurou ao longo da carreira, tanto na categoría masculina coma na feminina. Só con 2 quilómetros de percorrido o grupo de favoritos xa se atopaba en primeiros postos, a parella formada por Dani Martínez e José Manuel Gil adiantouse a un ritmo que non puideron seguir o resto de corredores e ao paso polo primeiro cumio do Monte Santa Trega o corredor Dani Martínez, do Club Cornelios, xa se distanciou collendo a vantaxe precisa para chegar en primeiro lugar ata a liña de meta, seguido de José Manuel Gil, en nun terceiro posto, Jose Manuel González Domínguez, que foi quen de remontar varios postos na parte máis técnica da carreira.
Pola súa banda a favorita da categoría feminina, Diana Domínguez, cumpriu coas previsións e superou a todas as súas rivais dende o quilómetro 0, acadando a vitoria dunha proba que dominou de inicio a fin, distanciándose en máis de dous minutos da segunda clasificada, Lourdes Vázquez, e en máis de 4 minutos de Raquel Doiro.
Daniel Pazó e Dina Domínguez, vencedores absolutos da Pontevedra Trail League
Tralo Trail Muíños do Folón e Monte Aloia, o Trail do Trega, é a derradeira proba da Pontevedra Trail League, da Deputación de Pontevedra, o que coroou aos diferentes gañadores das diversas categorías que compoñen esta liga, acadando a vitoria absoluta Daniel Pazó e Diana Dominguez.
No acto de entrega de premios estiveron presentes o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e a deputada provincial Iria Lamas Salgueiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario