27 de nov. de 2022

A GUARDA

A ‘Maleta viaxeira’ vai chegar á vila de A Guarda ateigada de libros feministas


A der. da imaxe, a subdelegada do Goberno de Pontevedra xunto as Maletas viaxeiras
Foto: S. de G.

Infogauda / A Guarda

 A ‘Maleta viaxeira’ vai chegar este luns día 28 de novembro, ao Concello de A Guarda. Trátase dun proxecto de sensilización promovido pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller, da Subdelegación do Goberno de Pontevedra a prol da igualdade e contra a violencia de xénero. Unha iniciativa que naceu o ano pasado, cunha única maleta, que suma agora outras catro, dado o éxito da primeira edición. En total, as cinco maletas gardan no seu interior case un cento de publicacións feministas que comezarán a viaxar pola provincia.  

 Mavi, a Maleta viaxeira contra a violencia de xénero, comezou a percorrer a provincia o ano pasado, a través da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. A boa acollida da primeira edición, fai agora que as maletas se multipliquen. En total, cinco equipaxes cargados de libros feministas. Unha delas xa comezou o seu percorrido, cunha primeira parada no Grove.  

 A Maleta viaxeira leva no seu interior 10 publicacións feministas. Na Guarda vai facer parada durante as vindeiras semanas, para que toda a veciñanza poida ler os libros que se agochan no seu interior. Coa posta en circulación das cinco maletas viaxeiras, a subdelegación está a divulgar preto de 80 títulos feministas. Un xeito de achegar a igualdade aos diferentes municipios da provincia.  

 A boa acollida deste proxecto vai máis alá das fronteiras da provincia de Pontevedra. As outras tres subdelegacións do goberno en Galicia tamén toman como súa esta iniciativa nacida en Pontevedra, creando as súas propias Maletas Viaxeiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario