27 de nov. de 2022

ECONOMÍA

Orpagu vai inaugurar a súa planta frigorífica e de I+D con capacidade de almacenamiento de 3.000 toneladas   

Un ano despois da celebración do seu vinte e cinco aniversario da súa fundación, a Organización de Palangreiros Guardeses inaugurará o próximo xoves, 1 de diciembre, a súa planta frigorífica e de I+D no polígono empresarial de Tui. 

Cunha superficie de 5.000 metros cuadrados dentro dunha parcela de 7.000, a nave intelixente contará con 45 traballadores nos momentos de maior actividade. 

Orpagu convértese na única organización do sector que pecha o círculo das súas  capturas: extracción, recepción, clasificación, almacenado e distribución.  


Interior da planta frigorífica e de I+D, de Orpagu, no Polígono Industrial Areas
Vista parcial das oficinas das instalacións de Orpagu no Polígono Industrial Areas, en TuI


Mar Bermúdez / A Guarda 

 O soño do grupo de armadores/pescadores da Guarda que, co cambio de século, fundaron Orpagu era impulsar unha organización profesional na que todos os socios tomasen as decisións de forma conxunta para o desenvolvemento económico e social do seu mar e da súa terra. Beber da tradición da pesca guardesa e, desde ese amor, engadirlle valores para que as persoas que realmente respectan esta actividade económica tan arraigada na sociedade controlen todo o proceso. Para que o pobo que a protagoniza sexa tamén o seu principal beneficiario.  

 Vinte e seis anos despois, a Organización de Palangreiros Guardeses inaugurará, en catro días e en presenza de diversas autoridades -está confirmada a asistencia do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e dos alcaldes de A Guarda e Tui-, a súa moderna planta frigorífica e de I+D no Polígono Industrial Areas, en Tui. Desta forma, os palangreiros guardeses, líderes europeos en palangre de superficie, convértense na primeira organización do sector en pechar o círculo das súas capturas: desde a extracción á recepción, clasificado, almacenamento e distribución das especies que capturan os seus 79 barcos -40 españois e 39 portugueses- en augas do Atlántico Norte e Sur e nos océanos Pacífico e Índico.  

 A nova planta de frío e innovación de Orpagu aséntase nunha parcela de 7.000 metros cadrados e o seu interior, con capacidade de almacenamento para 3.000 toneladas, conta cun sistema de descarga e clasificación de peixe deseñado ad hoc para a organización, polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia en colaboración coa empresa Josmar. Desde o primeiro momento expúxose unha nave intelixente que permitise minimizar a pegada de carbono, ser un modelo de eficiencia enerxética e cuxo sistema permitise harmonizar todos os postos de traballo que require a manipulación das especies que captura a frota de Orpagu, con exemplares que pesan máis de 100 quilos.  

 A operatividade do sistema permitirá, así mesmo, innovar en procesos como o de despezamento do peixe, apostando polo ‘ronqueo’, un sistema que en España só se utiliza para o despezamento do atún vermello, baseado nunha tradición milenaria que permite o aproveitamento de absolutamente toda a peza de peixe. 

 Por outra banda, a sala de I+D facilitará seguir traballando en novas elaboracións, que sigan a liña dos produtos polos que aposta a organización: formatos atractivos, pratos fáciles de preparar e produto de gran calidade. Na mesma liña que as Delicias de Anzol que triunfan no mercado internacional, que agora mesmo xa supón máis do 40% das vendas en países como Estados Unidos, Dinamarca, Reino Unido, Suíza, Holanda, Portugal e Alemaña. 

Distincións de Zona Franca á exemplaridade e produtividade  

 A boa noticia da inauguración súmase ás distincións concedidas esta mesma semana pola Zona Franca de Vigo, ao recoñecer a Orpagu como “Empresa de Alta Produtividade” e “Empresa Gacela 2022”. O primeiro recoñecemento vén por presentar durante tres anos consecutivos un valor engadido por persoa empregada por encima do percentil 75 do sector pesqueiro e unha taxa de crecemento superior ao 10% cada ano. Mentres que do segundo faise acredora a organización por presentar unha taxa de crecemento “elevada e constante na súa cifra de ingresos, por encima do 25% durante tres anos consecutivos”.  

 A Organización de Palangreiros Guardeses pecha, con esta planta, o círculo. Pero non o fai como o final do camiño iniciado hai 26 anos, senón como un momento para coller impulso e, mantendo os seus valores fundacionais, seguir apostando polo desenvolvemento harmónico da pesca na costa guardesa. Na nave de Orpagu cabe toda a sociedade da Guarda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario