28 de nov. de 2022

GALIZA

A CIG chama a mobilizarse mañá martes, día 29 de novembro, contra a crise e a pobreza 

 A central sindical demanda políticas públicas,  salarios e pensións dignas 

Infogauda / Compostela

 A grave carestía da vida, xa presente desde antes da guerra mais agravada desde o seu inicio, está acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza. Por iso a CIG convoca mobilizacións este martes, día 29 de novembro, en cidades e vilas, en demanda de políticas públicas, salarios e pensións dignas. 

 Mobilizacións (O secretario xeral, Paulo Carril, asistirá á convocada na Coruña) 

- Vigo: A Dobrada, 19h 

- A Coruña: Praza de Vigo, 19.30h 

- Pontevedra: Praza da Peregrina, 20h 

- Ferrol: Local da CIG (Avda. de Esteiro), 19:30h 

- Compostela: Praza Roxa, 19:30h 

- Ourense: Praza Maior, 19:30h 

- Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h 

- Vilagarcía: Casa do Mar, 20h 

- As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h 

- Burela: Praza da Mariña, 19h 

- Verín: Praza do Concello, 19h 

- O Barco: Praza do Concello, 19h 

- A Guarda: Praza Avelino Vicente, 19h 

- A Estrada: Praza do Mercado, 20h  

 A CIG alerta de que coa inflación descontrolada, os prezos da electricidade e dos combustíbeis que non baixan e os produtos de primeira necesidade subindo a prezos desorbitados, a situación económica e social é cada vez máis extrema e está a ter un impacto brutal, nunha Galiza con importantes sectores produtivos e comarcas enteiras agonizando, con cada vez menos emprego e industria, con máis emigración e con máis poboación avellentada. 

 A central sindical denuncia as insuficientes medidas do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra e as nefastas actuacións do Goberno galego. A isto engade a aprobación dun duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas exixencias da UE e acceder a uns envelenados fondos europeos que están a hipotecar o noso futuro. 

Orzamentos inxustos 

 Considera que os orzamentos do Goberno galego e os do Goberno español son unha suma de medidas inxustas, tanto pola discriminación do destinado a Galiza, como porque non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais. Orzamentos que veñen acompañados, ademais, de lesivas reformas na Seguridade Social, que se suman á última reforma laboral, na que nin recuperamos nin gañamos dereitos, mentres avanza, baixo novas formas, a precariedade laboral. 

 Fronte a isto denuncia o incremento de orzamentos destinados a armamento; as medidas para impoñer o Pacto de Rendas e o nefasto diálogo social, con subas salariais que non garanten poder adquisitivo dos salarios, mentres o SMI e as pensións seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea. 

 Un panorama fronte ao que a central sindical entende que estamos chamados e chamadas ao conflito ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e central, para que se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos (financeiro, enerxético etc.). Un verdadeiro Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise. 

 Por iso chama á sumarse á mobilización convocada para mañá martes, día 29 de novembro, para facer fronte a esta situación, porque está en risco que a clase traballadora galega sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario