31 de out. de 2022

VIGO

Este mércores día 2 comezan os paros en Vitrasa 

 Para forzar á empresa a negociar o convenio colectivo, caducado en decembro de 2020 




Comité de empresa de Vitrasa

 Nun intento de xustificar un inexistente talante negociador, a dirección da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo solicitou unha mediación que o comité de empresa aceptou, e que tivo lugar o pasado día 28. Nesta mediación a dirección de Vitrasa, tras acusar o comité de inflexibilidade nas negociacións, abandonou a mediación sen sequera realizar unha oferta que permitise abrir unha vía para avanzar na solución do conflito. Semella que a empresa se atopa cómoda co conflito, xa que non fai nada para resolver un problema que dura xa anos.  

 A empresa perdeu toda a súa credibilidade desde o momento en que se queixa de descenso de viaxeiros/as e sistematicamente reduce servizos e deixa autobuses parados que poderían estar a captar os viaxeiros/as que di que lle faltan. Ademais, Vitrasa mantén unha reclamación ao Concello de Vigo de 14 millóns de euros, reclamación que aínda que a gañe non vai reverter no persoal, como a apropia empresa confirmiu. Está claro que a empresa pretende levar un diñeiro fácil de subvencións e axudas antes que dar un servizo acorde ás necesidades da nosa cidade, pretenden vivir do diñeiro público. 

 Noutra orde de cousas, o comité mantivo unha reunión cos responsables do Concello para evitar que se volva repetir unha porcentaxe de servizos mínimos que, como nas dúas últimas ocasións, sexa ilegal. O Concello garantiunos que nesta ocasión os servizos mínimos van ser bastante menores ao 50%, xa que o 60% que decretou nas anteriores mobilizacións foi considerado ilegal en dúas ocasións polo xulgado, que entendeu ademais que vulneraba o noso dereito de folga. 

 Os paros no servizo de transporte realizaranse de 0:00 a 1:00 da madrugada, de 8:00 a 9:00 da mañá e de 14:00 a 15:00 da tarde; ademais haberá paros en taller e oficinas de 0:00 a 1:00, de 11:00 a 12:00 e de 17:00 a 18:00. Todos eles os luns, mércores e venres, excepto festivos. Finalmente, anunciamos que en caso de non chegar a un acordo os paros iranse incrementando. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario