6 de out. de 2022

PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA VAI ACOLLER AS VII XORNADAS DE ONOMÁSTICA GALEGA CENTRADAS NA RELACIÓN ENTRE NOMES PROPIOS E LITERATURA 

O encontro, organizado pola RAG en colaboración coa Deputación, xuntará o vindeiro sábado 15 a persoal investigador e creadoras literarias


A deputada de Lingua María Ortega - á der. -; o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey - á esq.-; o presidente da RAG Víctor Freixanes - 2º pola der. -, e a académica de número Ana Boullón - 2ª pola esq. -, na presentación do programa

Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 15 de outubro as VII Xornadas de Onomástica Galega que este ano centrarán o debate nos nomes propios utilizados na literatura galega. O encontro, organizado pola RAG da man da Deputación e o Museo, pretende xuntar a persoal investigador e creadoras literarias para debater sobre a fecunda pegada da onomástica nas letras galegas dende a literatura medieval á moderna.  

 Entre outras cousas porase sobre a mesa como se escollen os nomes para as protagonistas de novelas ou porque se utilizan determinados topónimos nalgúns textos. Como exemplos, poranse sobre a mesa nomes como a Maxina, de Marcial Valladares; a Maxa, de Xohana Torres; o Adrián Solovio, de Otero Pedrayo ou o Balbino, de Neira Vilas. Tamén se abordarán topónimos reais como o Bastavales, Laíño e o Lestrobe, de Rosalía, os do Courel, de Novoneyra e outros entre a realidade e a ficción como as Terras de Miranda, de Cunqueiro.  

 As persoas interesadas en inscribirse na VII Xornada de Onomástica Galega poden facelo antes do 12 de outubro escribindo un correo electrónico a publicacions@academia.gal no que figuren o seu nome completo, o DNI e un número de teléfono. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia. O encontro poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal.  

 O programa, que xa fora presentado pola deputada de Lingua María Ortega, o director do Museo Xosé Manuel Rey, o presidente da RAG Víctor Freixanes, e a académica de número Ana Boullón (organizadora desta nova cita xunto á académica correspondente Luz Méndez) arrincará o sábado 15 de outubro ás 10.30 horas con catro intervencións de persoas investigadores.  

 Participarán na primeira mesa de traballo Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, que se centrará na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, que fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas.  

 A seguir, será a quenda de falar da literatura medieval, con exposicións a cargo de Bieito Arias Freixedo (UVigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia.  

 Xa pola tarde, Berta Dávila, a académica Fina Casalderrey e o tamén novelista Marcos Calveiro protagonizarán unha mesa redonda conducida pola académica Marilar Aleixandre na que compartirán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras. Pechará a xornada Xosé María Álvarez Cáccamo, acompañado de Magdalena Gamallo, cun acto poético baseado no Cántico dos topónimos esdrúxulos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario