31 de out. de 2022

A GUARDA

ABÓBRIGA: UNHA ALFAIA SINGULAR 

 Observacións sobor dun dos lugares máis visitados do noroeste peninsular


Vista parcial do Poboado Calvo, no monte Santa Trega 
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  Pasados os meses estivais deste 2022, e cando estamos en pleno outono, moi preto do remate da tempada turística deste exercicio, consideramos que é o momento oportuno para referir algunhas observacións sobre aspectos que deberían correxirse antes de que comece a tempada de afluencia de visitantes de 2023, nun dos lugares - unha verdadeira alfaia - máis visitados do noso País. Por certo, ubicada no termo municipal de A Guarda, na comarca do Baixo Miño. Non hai - coidamos - ningunha dúbida a que lugar nos referimos.

 Móvemos o mellor dos propósitos. Nós non estamos nisto nin por motivos crematísticos, nin persoais. Nin moito menos, para prexudicar a ninguén. 


Aspecto que presenta o inmoble coñecido como Casa Forestal, co cableado aéreo cruzando a imaxe de esquerda á dereita


 O que pretendemos -unha vez máis - é indicar o que consideramos que debe correxirse, a poder ser máis cedo que tarde, de tal xeito que tanto os veciños/as como os milleiros de visitantes que nos honran coa súa asistencia, teñan a mellor das experiencias posibles na súa visita ao singular enclave ao cal nos referimos. Para iso suxerimos que desde as administracións e organismos correspondentes, e tamén os copropietarios,...,  (non fai falla nomealos porque todos sabemos do que falamos), cada un na parte que lle corresponde, tome boa nota de todo aquilo que "impacta" nos ollares das persoas que acceden a esa inigualable atalaia xeolóxica. Desde a cal poden divisarse indescritibles panorámicas de 360º, de singular beleza: o tramo final e a foz do río Miño, a Serra da Arga, os montes Lousado, Torroso,...; as varcias e casaríos de Camposancos e Salcidos, o porto e a vila de A Guarda, o Océano Atlántico, o Val do Rosal,..., e por suposto, as inconfundibles pegadas dos antigos poboadores da milenaria cidade prehistórica que algúns escritores da antigüidade (entre eles Mela, o xeógrafo; Pinciano, Plinio O Vello,...) situaban na foz do Miño a oppidum -verba latina que significa a cidade - Abóbriga. Asemade, para máis concreción, Ramón Barros Silvelo, entre outros autores, sitúan a Abóbriga na Guarda.

 O culto e a devoción multisecular a mártir Trega de Iconio, que tal vez chegaron ata nós, mediante as liñas marítimas que ligaban os pobos do Mediterráneo oriental coa terra dos Oestrimnios, os pobos que - como os Grovios - estaban no cabo do Mundo; teñen tamén seus fitos nese enclave de referencia cultural, patrimonial e turístico.

 En contraposición, no enclave que motiva esta crónica, hai varios lugares concretos onde os impactos visuais denotan un abandono e incuria, que non teñen ningún tipo de xustificación posible. Por citar tan soio algúns exemplos: graffitis en diferentes soportes fixos (paramentos verticais de propiedade particular) e móbiles (en contedores de lixo, nalgún caso con consignas de signo político); inxustificada sinalización horizontal fronte a anterior caseta do cobro da tasa de acceso ao BIC (Ben de Interese Cultural) ao cal nos referimos; cableado aéreo (eléctrico e telefónico); ausencia de decoro e mantemento dalgún inmoble situado nun lugar estratéxico, onde ben podería ubicarse un Centro de Interpretación do poboado galaico-romano do Trega e súa contorna (os castros da Forca, Cividáns, Pico da Bandeira, Saá, A Chán,,,; os complexos salineiros do Seixal e A Lamosa, os petróglifos do Torroso,...; as explotacións auríferas de As Covas e A Regueira de Constantina,...; a vía Per Loca Marítima;  e mesmo facilitar - de xeito persoal ou interactivo -, información doutros recursos históricos, etnográficos,..., como o reducto do Forte, o vello colexio dos xesuitas e o campo de concentración da Pasaxe, os muiños de vento da Camposancos, A Cruzada, Ribadavila e rúa Rosal; as camboas; o cordón dunar de O Feno; as marismas de A Xunqueira e A Ribeira, de Salcidos,...; a vila, porto pesqueiro, Museo do Mar, fortaleza de Santa Cruz,...). Todo iso podería xerar sinerxias varias e motivar que os visitantes decidan coñecer o noso pobo máis de vagar. E de non ser posible, debido a viaxes en grupo - onde os limitados tempos de estadía son os que son -, poderían influir na decisión de voltar noutra oportunidade.

 Continuando coas incidencias, temos que citar tamén un habitáculo próximo aos postes de TV; unha cruz de pedra - que está incompleta, pois carece dos brazos -  e que forma parte da máis antiga (s. XVII ou comezos do s.XVIII) vía sacra do lugar; a ausencia dunha axeitada e homoxénea imaxe externa nos postos de venda de artigos de recordo; o incumplimento da Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade, no que respecta ao museo monográfico; rótulos - que xa cumpliron seu cometido - de actuacións subvencionadas; os deterioros no adoquinado en zonas de rodadura de vehículos; a carencia de rede de auga potable e saneamento,..., que son,  entre outras, tarefas nas que deberan empregarse os medios necesarios para que a veciñanza de A Guarda e os visitantes gocen das mellores experiencias nesa xoia da que todos os guardeses sentímonos orgullosos e somos usufructuarios.

 Rematamos por hoxe, decindo que moito se falou do Plan Director do Monte Santa Trega - encargado pola Consellería de Cultura e Turismo, da Xunta de Galicia. cuxa presentación tivo lugar na Casa dos Alonso o 22 de novembro de 2012 -, e cualificado polos seus autores (Crecente asociados) como "un documento técnico que sirva de base para a ordenación e posta en valor do conxunto declarado Ben de Interese Cultural. Está estruturado en tres ámbitos: o coñecemento en profundidade dos seus diversos valores e recursos, cunha visión multidisciplinar; a diagnose do seu estado actual das súas diversas partes, elementos patrimoniais, e condicionantes socioeconómicos; e a proposta de actuacións e intervencións, que permitan a súa recuperación e activación. Este Plan, representa unha oportunidade para aplicar os novos conceptos de paisaxe cultural, e un reto no que o patrimonio nos seus diversos formatos, asume un novo papel como instrumento de desenvolvemento sostible". Dito así, soa magnífico. A realidade - que é a que conta -, é ben diferente. Por certo, a responsabilidade da situación a cal nos referimos non é do equipo redactor do devandito Plan Director.

 Abóbriga, unha singular alfaia de Galicia, agarda, desde fai anos, por unha mellor xestión.

3 comentarios:

  1. Estimado amigo: comparto enteiramente a tua preocupación.Unha mágoa que os diferentes responsables do Monte (Concello, ProMonte; Montes de Man Común das tres parroquias, Consellería de Cultura e Patrimonio da Xunta, presidentes dos partidos políticos da Guarda, e outras Asociacións que ben poderan sumarse) non cheguen a acadar algo tan sinxelo como tomar uns acordos básicos. Acordos que poderían rentabilizar todos. Deixarse do desleixo, de pensar que soio atañe os que mandan temporalmente no concello. Porque o patrimonio é de todos, atingue a todos, e si conseguisen deixar as "taifas de poder" a un lado e pensar no ben da sociedade en xeral, mais aló da Guarda, mais aló de Galiza incluso, poideríamos decir que somos unha sociedade de grandes persoas que souperon por os intereses de todos por riba das dificultades propias do cargo, por riba dos egos persoais, por riba das lexítimas defensas dos proiectos políticos. Co tempo, o que permanece son os nomes daqueles grandes persoeiros que souperon facelo e deixaron pras xeracions algo digno de lembrar. O demais, fume de xaruto. Eu non opino de política neste tema, porque teño pra min que unha das cousas imorescindibles é que 1º nos poñamos nos dacordo aquí abaixo, e logo poder esixir mais arriba. Pero sempre lamento que un enclave tan valioso esté coma está. Visitei moitos parques arqueolóxicois. En Castilla la Mancha hai 5. Todos vallados pra preservalos, co seu centro de documentación e cobrando unha módica entrada. Como por exemplo éstede Segóbriga, que visitei mais dunha vez porque está a 100Km da miña casa. http://www.turismocastillalamancha.es/patrimonio/parque-arqueologico-de-segobriga-763/descripcion?/
    ¿Cando logrará a bisbarra do Baixo Miño unirforzas pra conseguir por o seu patrimonio a salvo, a altura de tantos parques arqueolóxicos da península?. Creo que non o veréi.

    ResponderEliminar
  2. Este parque arqueolóxico está a 35 Kms de Madrid. Son os restos dun ha Villa dun Patricio romano, o seu lugar de residencia, lugar estratéxico no camiño de Toledo a Levante.. Está vallado, ten o centro de interpretacion, e o mais valiodo son os mosaicos no chan da planta da vivenda. Pra que non se deterioren, etán totalmente cubertos pero con un tellado tan alto que circula a ventilación aunque non os deteriora o sol nin a chuvia. Mira que maravilla. Coas pasarelas pra circular, sen estropear nada pero podendo ver todo...https://cultura.castillalamancha.es/patrimonio/parques-arqueologicos/carranque

    ResponderEliminar
  3. Iba dando un poaseo en coche por unha carretera, deixara atrás "Los toros de Guisando", e seguía por pobis de seranía a media altura por debaixo dos cumios de Gredos. E atopei un cartel que puña : Castro celta El Raso.Mloi sorprendida, porque o bombardeo do celtismo galaico, nubloume o oensamento de que os celtas son pobos que habitaron toda a penín sula e parte do continente. Subín. A paisaxe entre o val e o circo nevado de Gredos. E alí estaba.Vallado. Non puden visitalo. Fixenme unha fotografía diante do cataz fixenlle moitas fotografías. En google podes atiopatr a sua historia, pero deixote estas fotos pra que te fagas unha idea. Como no noso castro, as vivendas están nun núcleo reducido, loero as muralles extendensee moito mais. Vallado. No concello de Candeleda hai un pequeno museu da cultura vetona, e os horarios de visita. https://www.minube.com/rincon/castro-celta-a243621#gallery-modal

    ResponderEliminar