31 de out. de 2022

O ROSAL

Os escritores noveles Andrea Suárez e César Fernández van presentar no Rosal a harmonía da diferencia  

 A biblioteca municipal acollerá a presentación do seu primeiro libro conxunto, ‘EMOVERE’. Será o venres 4 ás 19.00 h co acompañamento da Agrupación Musical do Rosal  


Portada de ‘EMOVERE’, poemario da autoría de Andrea Suárez Baquero e César Fernández Álvarez


Infogauda / O Rosal

 O outono dá paso á poesía no Rosal. Este venres 4 de novembro, a axenda cultural trae á biblioteca municipal a presentación do libro ‘EMOVERE’, un poemario da autoría de Andrea Suárez Baquero e César Fernández Álvarez, no que o público poderá mergullarse a partir das 19.00 horas nunha actividade que contará coa colaboración e o acompañamento da Agrupación Musical do Rosal.  

 Unha amizade entrañable e a afección conxunta á poesía, é o berce do primeiro fillo literario destes dous autores noveles. Unha obra singular que reflicte a harmonía entre dous sentires diferentes, entre dous estilos distintos e entre dúas linguas dispares. O propio título da obra, raíz latina de emoción, representa a intención do e da poeta á hora de crear a súa obra: mover, remover e conmover ás lectoras e lectores. 

 O intimismo abrolla con delicadeza nestes versos no medio da aspereza e automatismos cotiás. E faino con aspectos cruciais como o amor e os seus antónimos, a estéril fuxida do silencio, a dor dinámica e existencial, a procura do equilibrio e a paz, a inocencia dos e das meniñas, e a devoción á natureza, fonte inesgotable de enerxía e inspiración. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a achegarse á biblioteca e “a descubrir a obra de dous escritores novos que se lanzan ao mundo da poesía cun libro tan intimista e cheo de sentimento  

Ningún comentario:

Publicar un comentario