A CIG inicia a conmemoración do 50º aniversario das loitas de setembro do 72 en Vigo coa proxección dun audiovisual
Terá lugar este martes día 13 no auditorio Afundación ás 19:00 horas
Infogauda / Vigo
A CIG arrincará este martes día 13 os actos de conmemoración do 50º aniversario das loitas do 72 en Vigo coa proxección dun traballo audiovisual que baixo o título de 'Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega' recolle testemuños dalgunhas das persoas protagonistas daqueles acontecementos. A proxección e posterior coloquio terá lugar no auditorio Afundación ás 19:00 horas.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, será o encargado de presentar o acto e de facer públicas as distintas iniciativas e mobilizacións que a central sindical ten previstas para lembrar unha data fundamental na historia do movemento obreiro galego. A continuación terá lugar a proxección, tras o que se dará inicio a un coloquio no que participarán algunhas das persoas presentes no traballo audiovisual, entre elas o ex secretario xeral da CIG Suso Seixo. O encargado de moderar o coloquio será o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves.
Nos vindeiros días terá lugar tamén unha manifestación nacional de delegados/as, que percorrerá as rúas de Vigo o xoves 22 dende Vía Norte ás 11:00 horas. Ademais, a CIG seguirá a intentar a instalación dun monumento conmemorativo das loitas de setembro do 72 a pesar dos atrancos que está a poñer o Concello.
Neste senso, no caso de que antes desta data non se teña unha solución que permita instalar o monumento encargado pola central sindical para conmemorar as loitas de setembro do 72 a manifestación rematará diante do Concello, onde se colocará unha réplica do monumento.
O traballo, deseñado polo escultor Javier Diéguez Mosquera e sufragado pola CIG coa intención de doarllo ao Concello de Vigo para que o instale nun espazo público visíbel, carece aínda de ubicación a pesar das xestións realizadas dende o pasado mes de xaneiro co Goberno local. “Até o de agora só nos atopamos con evasivas e cunha actitude que parece querer dilatar infinitamente un trámite que debera ser áxil e sinxelo de existir vontade política”, denuncian dende a central sindical. De feito, na CIG lamentan que a pesar dos moitos contactos con diferentes concelleiros “a cada paso atopamos un novo pero, algunha nova dificultade ou cambios de criterio”.
En consecuencia, a central sindical considera que o asunto atópase “en punto morto” a pesar da súa total disposición a colaborar e a procurar unha solución acordada, polo que o pasado 23 de agosto optou por “solicitar unha xuntanza co alcalde para tentar desbloquear a situación e asegurar a instalación do monumento”.
Finalmente, dende a CIG salientan a importancia duns acontecementos “sobre os que se constrúe a historia contemporánea do movemento obreiro galego”. Por iso chaman a conmemorar, baixo o lema 'Somos clase, somos nación. A loita continúa', o acontecido en setembro de 1972 na bisbarra de Vigo para expresar “o noso máis sincero recoñecemento, agradecemento, admiración e homenaxe a todas as persoas que co seu compromiso e acción fixeron posíbeis estas loitas e que padeceron persecución e forte represión”.
Persoas que para a central sindical son un exemplo de resistencia, de coherencia e de profundo convencemento na autoorganización da clase traballadora e do pobo galego na creación de instrumentos de loita e da loita como instrumento para gañar dereitos como clase traballadora e como nación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario