Eu Rural comeza a elaboración da estratexia de desenvolvemento local para o 2023-2027
A redacción da estratexia levará asociado un proceso participativo
A vindeira semana celebraranse catro mesas informativas en Gondomar, O Rosal, Mos e Pazos de Borbén
Foto: EuRural
Infogauda / Tomiño
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste
EuRural arrancou esta semana a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento
Local para os 13 concellos do seu territorio para o 2023-2027. Tras se elixida
como entidade colaboradora na medida Leader Galicia para ese período, a xunta
directiva deu o pistoletazo de saída este mércores en Tomiño ao inicio dos
traballos de adquisición de capacidades e accións preparatorias para o deseño
da futura estratexia, a través da que se xestionarán os novos fondos do
Programa Leader previstos para o período 2023-2027.
Para a elaboración desta estratexia porase en
marcha un proceso participativo que busca a implicación dos sectores
económicos, sociais e culturais do territorio e que comezará a vindeira semana
con catro mesas informativas abertas a todo o público en concellos das catro
comarcas que aglutina EuRural. O martes 4 ás 20.00 horas as persoas interesadas
poderán asistir aos encontros que se realizarán no Centro Neural de Gondomar e
no Multiusos do Rosal. Mentres, o xoves 6 (20.00 h) os encontros serán no salón
de actos da Axencia de Colocación de Mos e no salón de plenos de Pazos de
Borbén.
A propia estratexia recollerá unha proposta de
actuacións para a elaboración da análise e diagnóstico do territorio, dos
resultados dos PDR anteriores, así como unha proposta para o deseño dos
proxectos piloto e de accións para a promoción da participación das mulleres
nos órganos de goberno e toma de decisións.
Nos últimos tres anos, Eurural desenvolveu a través do Programa Leader 16 proxectos que supuxeron un investimento total de máis de 1,8 millóns de euros, dos que arredor de 620.000 euros foron financiados a través das convocatorias 2020-2021 e 2021-2022. Estas iniciativas, centradas na dixitalización, ampliación empresarial, no lecer ou na saúde, entre outros sectores, supuxeron a creación de 16 novos postos de traballo e a consolidación doutros 38 xa existentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario