O PROXECTO RÍOS COORDINA A XV LIMPEZA SIMULTÁNEA DE RÍOS EN 41 CONCELLOS DE TODA GALIZA
Asociación Forestal e de Educación Ambiental, A Jalleira / O Rosal
A XV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” se celebrará este ano en 41 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 60 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados, tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta décimo quinta edición. A limpeza que será o 25 de setembro e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 41 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
No Concello do Rosal realizará a coordinación da limpeza a Asociación Forestal e de Educación Ambiental, A Jalleira. O tramo da limpeza sitúase no río Tamuxe, no tramo apadriñado pola asociación que vai dende O Urgal ata As Aceñas. O punto de encontro será na Área recreativa das Aceñas, ás 09:45h.
Os/as voluntarios/as serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza. Actualizouse a páxina web para a limpeza http://proxectorios.org/limpeza/ onde se especifica que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes e colaboradoras.
Voluntariado Ambiental
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
Inscrición e máis información: ajalleira@gmail.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario