21 de set. de 2022

A GUARDA

Contacontos “A bruxa Maruxa non quere ser bruxa”

O sábado día 1 de outubro, ás 12:00h na Biblioteca Pública Municipal de A Guarda 




Infogauda / A Guarda

 O sábado día 1 de outubro ás 12:00h a Biblioteca Pública Municipal de A Guarda vai acoller o contacontos “A bruxa Maruxa non quere ser bruxa”. Trátase dunha actividade de acceso libre ata completar o aforo, enmarcada no programa Ler conta moito.

 “A bruxa Maruxa non quere ser bruxa” é un evento de narración oral destinada nenos e nenas de entre 5 e 10 anos cunha duración aproximada duns 50 minutos. 

 A bruxa Maruxa non quere ser bruxa, quere ser contiñeira. Filla, neta e bisneta de bruxas, esta rapaza irá contando a súa historia á vez que introduce no diálogo contos da literatura galega e algunhas cancións populares. Ademais, buscará a participación activa dos asistentes na repetición das cantigas, meigallos e na narración dos contos. 

 Ler conta moito, é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais.  

 A través deste programa, as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.  

 Deste xeito a Biblioteca Pública Municipal de A Guarda reforza o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alenta a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que proporciona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario