Diversión e innovación para achegar a natureza aos nenos e nenas dos campamentos de verán do Rosal
O Concello destaca a grande acollida das actividades organizadas para as case 200 rapazas e rapaces participantes
Infogauda / O Rosal
Coñecer
un pouco máis a natureza dun xeito ameno, innovador e divertido. Ese era un dos
obxectivos dos campamentos de verán no Rosal, nos que arredor de 200 nenos e
nenas “puideron desfrutar dunha alternativa de lecer lúdica e educativa durante
as súas vacacións estivais ao tempo que se favorecía a conciliación familiar e
laboral aos rosaleiros e rosaleiras”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández
Callís.
O
Concello destaca a grande acollida das actividades organizadas ao longo dos
meses de xullo e agosto ao abeiro dos campamentos. Onte despediuse o campamento
municipal, que tiña como temática central os animais e no que rapaces e rapazas
xogaban o papel de observadores. “Grazas a esta dinámica, cada semana as e os
participantes investigaban sobre un diferente e, tras pasar varias probas, ao
final da semana incluían un novo insecto nun mural conxunto. Un xeito diferente
e moi divertido de seguir aprendendo ao tempo que desfrutan do seu lecer”,
salienta a rexedora.
Entre
as actividades desenvolvidas este verán dentro dos campamentos, os nenos e
nenas gozaron especialmente coa festa de disfraces, coas festas de auga e de
pixamas, cos xogos tradicionais ou co seu propio concurso Got talent. Tamén
tivo grande éxito entre todos eles e elas os talleres de galletas e limoada, as
sesións de ioga, os xogos musicais, as xincanas e retos e as visitas como
‘Baisenpulgas’, ‘Ti es un bo peixe’, ‘DGT’ e ‘Fai click ao teu bocata’.
Ademais, durante os campamentos fixéronse varias saídas á contorna como ao
parque do Sobreiral, ás Aceñas, aos muíños do Folón, ao velódromo de As Faias, aos ríos
Urgal e Padín, ao parque de Pías e á praia de Eiras.
En
definitiva, dous meses de “xogos e saídas didácticas combinadas con actividades
creativas cos que espertar a curiosidade dos nenos e nenas e darlles a coñecer
un pouquiño máis sobre o seu concello. Para nós é un orgullo velos a todos
desfrutar e con ganas de repetir na vindeira edición”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario