21 de set. de 2022

CULTURA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTARÁ ESTE SÁBADO NA ILLA DO MEDAL, EN PONTESAMPAIO, O LIBRO ‘AUGA NÓMADE’ DE EVA VEIGA 

Trátase da segunda publicación da Colección Medal da editorial provincial de poesía feita exclusivamente por mulleres


Vista parcial da Insuíña de Medal, en Pontesampaio
Foto: Infogauda

Infogauda / Pontesampaio (Pontevedra)  

 A Editorial da Deputación de Pontevedra presenta este sábado o segundo libro da súa nova serie de poesía feita por mulleres baixo o nome de Colección Medal. O ciclo de publicacións sumará o título ‘Auga Nómade’ de Eva Veiga, que se dará a coñecer ás 11.30 horas na propia Illa de Medal, en Pontesampaio. 

 O illote, cuxo nome foi escollido seguindo o costume da Editorial provincial de denominar as coleccións coas illas existentes nas Rías Baixas, daralle acubillo a un acto no que participará a deputada de Lingua e Patrimonio Documental e Bibliográfico, así como a propia autora, que pronunciará parte dos poemas que forman parte da antoloxía poética a publicar pola Deputación acompañada coa música do seu grupo, formado por Bernardo Martínez e Fito Ares. 




 A Colección Medal pretende ser unha variada mostra de poesía de autoras da provincia, poetas relevantes tanto pola alta calidade dos seus versos coma pola súa implicación como mulleres no eido artístico e literario. No caso de ‘Auga Nómade’, a obra conta con limiar de Teresa Seara, quen asegura que o título nútrese de diversas fontes “a fervenza vitalista do amor, os remansos da calma, as augas estancadas no loito, os pequenos mananciais capaces de crearen novos regatos e, sobre todo, a procura activa das capas freáticas onde subxace a esencia primixenia da vida”, cun talento da autora “dinámico e vital” por estar “sempre aberta á escoita do mundo”.  

 A entrada á presentación de ‘Auga Nómade’ da Colección Medal é libre e de balde, mais por cuestións organizativas (repartiranse exemplares e haberá un pequeno petisco)  é preciso confirmar asistencia no correo vicepresidencia@depo.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario