O GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE PRESENTOU UNHA MOCIÓN REXEITANDO AS MEDIDAS QUE IMPLIQUEN A REDUCCIÓN DE PROFESORADO NO I.E.S. A SANGRIÑA
Será debatida na vindeira sesión plenaria do Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Ainda que o documento ten data do pasado día 30 de agosto, no día de hoxe o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de A Guarda, fixo público o contido da moción - asinada pola concelleira portavoz Mª Montserrat Magallanes Álvarez - que veñen de presentar no rexistro de entradas, para seu debate na vindeira sesión ordinaria do Pleno Municipal, e na cal indícase o seguinte:
O Grupo Municipal Socialista da Guarda, en base ao disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta diante do Pleno da Corporación a seguinte MOCIÓN.
RECLAMACIÓN Á XUNTA DE GALICIA EN RELACIÓN Á REDUCIÓN DE PERSOAL DOCENTE DO I.E.S. A SANGRIÑA QUE SE APLICARÁ NO CURSO ESCOLAR 2022-2023
Exposición de motivos:
Ao longo destes anos de Goberno do Partido Popular en Galicia puidemos ser testemuña dos continuos recortes e degradación dos servizos públicos, en especial naquelas áreas máis sensibles ao gasto social, como a sanidade ou a educación pública.
O 17 de agosto do presente ano producíase no Concello da Guarda unha reunión entre o Director do IES A Sangriña, a viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, a Concelleira de Educación e o Alcalde da Guarda. Nesta reunión o representante do equipo directivo do instituto facíanos partícipes da importante redución no profesorado que a Consellería de Educación aplicará na Sangriña cara ao próximo curso escolar, feito que levou á directiva a presentar unha dimisión en bloque en sinal de protesta.
Xa no ano 2021 o cadro de docentes pasou de 81 a 76, e neste vindeiro curso o número de profesores/as volverá a verse reducido ata quedar en 69 docentes. Esta política de recortes está levando a este instituto público a un punto límite, xerando un gran malestar entre o persoal, que terá unhas ratios de ata 180 alumnos/as por docente e 30 alumnos/as por aula, o que imposibilitará ao profesorado ensinar a atender as necesidades do alumnado con eficacia.
O aumento do número de alumnos/as dos/as que se terá que facer cargo cada profesor/a desvirtúa a lóxica do sistema educativo, onde coñecendo a cada alumna ou alumno, o/a docente poderá sacar o máximo potencial de cada un deles/as. Atendendo a unha media de 30 rapaces/as por aula, resulta inviable que se desenvolvan as súas competencias.
A pesares de que o goberno autonómico defende que a través destas medidas o que pretende é velar pola xestión eficiente dos recursos educativos, estes recortes perseguen un único obxectivo que é a privatización da educación e en consecuencia a aplicación dun cambio de valores e modelo na nosa comunidade autónoma. A política educativa do Partido Popular atenta contra a igualdade de oportunidades e contra os dereitos básicos da cidadanía, en especial en localidades como a nosa, na que a distancia e a falla de boas comunicacións dificultan aínda máis o acceso á educación.
Creemos que neste caso deberían impoñerse a lóxica e o sentido común, e os responsables dos servizos educativos non deberían escudarse unicamente en que as ratios de alumnado por profesor/a se atopan dentro dos marxes que marca a lei como forma de xustificar os recortes.
Vilas rurais como A Guarda, que se atopan lonxe de núcleos urbanos nos que a oferta formativa é máis ampla, deberiamos gozar incluso de condicións que supoñan unha discriminación positiva, que permita aos nosos cidadáns e cidadás recibir unha formación de calidade na que non só se transmitan coñecementos senón na que se atenda á diversidade e á vulnerabilidade.
Estas medidas afectarán de xeito inminente ao profesorado porque se verá desbordado no día a día, pero sobre todo incidirá no futuro do noso alumnado e nas súas familias, xa que moitas problemáticas que se poderían detectar e atallar cunha atención máis individualizada, pasarán seguramente desapercibidas e desembocarán en problemáticas maiores.
Especialmente trala pandemia, e con varios casos de alumnado en situacións moi delicadas, a actitude da Consellería de Educación debería ser a contraria: deberíase apoiar máis aos centros educativos dotándoos dos recursos humanos e incluso instaurando programas de educación emocional, reforzo educativo, etc.
Recordemos que o sistema de educación pública é o principal motor da mobilidade social e funciona como a máis importante ferramenta que garante a igualdade de oportunidades.
Por todo o sinalado, o Grupo Municipal Socialista da Guarda propón ao Pleno Municipal a adopción dos seguintes ACORDOS:
- Reiterar o posicionamento deste Concello a favor da educación pública.
- Esixir á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a paralización inmediata das medidas de xestión que impliquen a redución do cadro de persoal docente do IES A Sangriña e que serán de aplicación cara o curso 2022-2023.
- Remitir este acordo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a todos os grupos parlamentarios.
A Guarda, 30 de agosto de 2022
Portavoz do Grupo Municipal Socialista
Ningún comentario:
Publicar un comentario