1 de set. de 2022

A GUARDA

A gran festa das asociacións de A Guarda celebrarase a vindeira semana 

A IV Mostra Asociativa terá lugar na Praza de Avelino Vicente, o sábado día 10 de setembro a partir das 15:30h. 




Infogauda / A Guarda

 Tras dous anos do descanso obrigatorio imposto pola pandemia, este ano 2022 o movemento asociativo de A Guarda retoma con moita forza e ilusión a súa festa colectiva. Así o día 10 de setembro, desde ás 15:30 horas, na praza de Avelino Vicente  voltará a IV Mostra Asociativa, onde o municipio brilla coa presenza de moitas das entidades que dia a día realizan actividades, idean proxectos e prestan apoio, para facer da Guarda un lugar máis cooperativo, dinámico e participativo.  

 A mostra deste ano traerá consigo unha morea de postos no que as entidades tratarán de representar parte do seu traballo e nos que tamén se levarán a cabo actividades diversas como xogos interactivos e tradicionais, obradoiros de nós, chapas, probas de remo ergómetro, sorteos, ...  

 As actuacións de música, canto e baile tamén estarán presentes durante a xornada da man das entidades culturais e deportivas participantes, así como o teatro e as actuacións, terán tamén o seu espazo na programación do evento.  

 O broche final estará protagonizado, a partir das 19:00 horas, pola baixada de carrilanas, evento que tradicionalmente vénse celebrando na Gándara, mais nesta edición e como parte da rede asociativa, a entidade organizadora trasladou ata o centro da vila para que forme parte do programa da mostra.  

 "Agardamos a visita de todas e todos e seguir para adiante con este e outros eventos, dándolle visibilidade a todo o traballo que realizan as entidades guardesas", indican desde o concello guardés.  

Vídeo promocional do evento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario