4 de ago. de 2022

TUI

A Xunta de Galicia impulsa en Tui a segunda edición do foro ‘Resonancias’ dentro do festival ‘Música no claustro’  

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participa hoxe no II Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias 22, xunto con músicos, luthieres, investigadores, conservadores e expertos nos instrumentos musicais 


A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participa hoxe no evento que se organiza no marco do XVI Festival Música do Claustro

Foto: X.G.

Infogauda / Tui

 A Vicepresidencia primeira e a Consellería de Economía, Industria e Innovación –a través da Fundación Artesanía de Galicia– impulsa a segunda edición do Foro de Instrumentos Musicais Resonancias 22, que se celebra hoxe no claustro gótico da Catedral de Tui. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participa hoxe no evento que se organiza no marco do XVI Festival Música do Claustro, que se celebra ata o domingo 7 de agosto e está comisariado polo músico e investigador Samuel Diz. 

 Tras o éxito da primeira edición celebrada o verán pasado, Resonancias 22 dálle continuidade a temas xa tratados como a investigación, a restauración e conservación preventiva dos instrumentos musicais históricos, xunto co desenvolvemento e innovación nas técnicas e nos materiais de construción. 

 En paralelo, na edición deste ano formúlanse novos temas de debate e de reflexión que nacen das oportunidades na simbiose do tecido profesional musical e artesán, na igualdade de xénero nos obradoiros ou na certificación e regularización da formación e da profesionalización dos oficios artesanais. 

 A Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colabora co Foro Resonancias 22 co obxectivo de achegar a profesionalización e a divulgación dos oficios artesanais nun diálogo co tecido artístico, de impulsar a investigación e a innovación no ámbito dos instrumentos musicais e de xerar un espazo de intercambio e coñecemento e de creación de sinerxías neste oficio. 

 A deste ano é a sétima edición consecutiva do festival Música no Claustro que conta co apoio da Xunta para promover a incorporación dos oficios artesáns galegos dentro da programación deste evento musical que é xa unha cita consolidada e de referencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario