9 de ago. de 2022

PONTEVEDRA

NOVOS RECURSOS DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PARA COVELO, O ROSAL E O PORRIÑO 

A Deputación destina preto de 450.000 euros a estes municipios, que se destinarán a financiar actuacións de humanización de espazos e mellora dos servizos municipais 


Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos do Plan Concellos para tres municipios da provincia, Covelo, O Porriño e O Rosal, cun investimento total de 434.041€. Estas achegas permitirán a estes municipios financiar distintas actuacións de humanización de espazos públicos e de dotación de servizos.

 Na comarca do Condado, Covelo recibirá unha achega de 193.678 € para financiar a mellora da accesibilidade e a humanización dos accesos aos equipamentos de Barciademera. Con este proxecto, búscase unha mellora das características ambientais e estéticas do espazo público, con materiais axeitados á contorna e a creación dunha plataforma única, con prioridade para os peóns/as.

 No Baixo Miño, o Concello do Rosal contará cunha achega de 169.897€ para abordar a reconfiguración do tramo oeste da estrada vella de San Miguel de Tabagón. A actuación desenvolverase nun tramo de 260 metros de lonxitude e 1.536 metros cadrados de superficie, que se conformará como espazo de convivencia con prioridade peonil e onde se crearán ámbitos singulares para poñer en valor os elementos de maior valor ambiental, paisaxístico e patrimonial. Melloraranse tamén as de pluviais, fecais e abastecemento .

 Por outra banda, na comarca de Vigo, O Porriño contará cunha achega de 70.464€ para abordar as obras de saneamento no núcleo de Mosteiro, que permitirá conectar a diferentes vivendas da zona á rede municipal deste servizo. Así mesmo, as obras contemplan a reposición da capa de aglomerado asfáltico dos viarios afectados por estes traballos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario