12 de ago. de 2022

OIA

O Concello de Oia habilita un visor para consultar as faixas de seguridade fronte a incendios   


O visor está xa accesible na páxina do Concello
Foto: C.O.

Infogauda / Oia

 O pleno do Concello de Oia vén de dar a aprobación definitiva ao seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O documento define as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Tendo en conta que as fincas que se atopen nestas faixas deben estar limpas, o Concello xa ten en marcha unha ferramenta web que permite, de xeito sinxelo e áxil, acceder a información sobre que parcelas están afectadas.  

 O visor está xa accesible na páxina do Concello facendo click no apartado “Faixas biomasa”. Tamén pode consultarse directamente a través da ligazón https://arcg.is/1PaCTK0.   

Acceso áxil e sinxelo  

 Esta ferramenta web permite consultar a información  empregando un ordenador, tableta ou teléfono móbil. Entre outras utilidades, a aplicación inclúe opcións de localización GPS e permite a procura de parcelas segundo a referencia catastral ou o enderezo. Tamén ofrece a posibilidade de imprimir os mapas.  

 Con este novo sistema ponse ao dispor da veciñanza unha ferramenta doada de empregar e que permite facer a consulta en calquera momento, aproveitando a practicidade das tecnoloxías GPS e obtendo a información de xeito inmediato. Non obstante, as persoas titulares de parcelas que teñan algunha dúbida relacionada coas faixas de xestión de biomasa poden acudir ao Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario