O Rosal proxecta a reforma integral da escola unitaria de Tabagón
O Concello traballa na elaboración do proxecto que permitirá captar fondos europeos para rehabilitar este centro educativo
Infogauda / O Rosal
O
Rosal continúa traballando para reforzar e modernizar a súa educación de
proximidade. Trala reforma da Escola de Pías, o vindeiro obxectivo do Concello
será rehabilitar a unitaria de Tabagón. Para conseguilo, o goberno municipal
está a facer un grande esforzo para captar financiación europea a través do
Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep Local),
enmarcado dentro do Fondo Next Generation.
Esta
liña de axudas foi aberta polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda
Urbana (Mitma). O Rosal fará efectiva a súa candidatura grazas a unha
subvención da Deputación de Pontevedra
para a asistencia técnica de redacción deste proxecto de mellora de eficiencia
enerxética da escola de Tabagón, que ascende a case 8.500 euros.
O Concello puxo en marcha un
proceso participativo xunto co equipo de dirección e os profesorado para debater
e incluir todas as súas demandas co fin de darlle ao proxecto un enfoque
integral e non limitarse á súa mellora enerxética.
Actualmente,
estase redactando o proxecto técnico contratado para a súa posterior
evaluación e obtención dos permisos necesarios. Unha vez obtida a
autorización de Patrimonio, procederase á súa licitación e a súa adxudicación coa
previsión de iniciar os traballos ao remate do curso escolar 2022-2023.
O proxecto de rehabilitación da Escola de Tabagón enmárcase dentro da estratexia de actuación do Concello para mellorar progresivamente a eficiencia enerxética de todos os edificios de titularidade pública. Segundo a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “as nosas escolas unitarias son unha prioridade” pois ademais de seren edificios dun gran valor patrimonial e arquitectónico, “fomentan unha educación de proximidade e axudan a fixar poboación e a manter viva a nosa contorna”. Por todo isto, “queremos que sexan espazos modernos e sostibles”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario