As escavacións arqueolóxicas volveron ao Castro do Pico da Bandeira despois de 100 anos
Concello e Comunidade de Montes do Rosal promoveron unha campaña en 12 m2 na contorna da muralla e nun petróglifo próximo
Infogauda / O Rosal
As
escavacións arqueolóxicas volveron ao Castro do Pico da Bandeira un século
despois. O Concello promoveu en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santa Mariña do Rosal, unha campaña arqueolóxica no Castro do Pico da Bandeira, un xacemento castrexo de grandes
dimensións situado no límite co municipio de A Guarda que abrangue
aproximadamente seis hectáreas de terreo. “Con estas actuacións queremos axudar
a poñer en valor este importante enclave histórico que goza dunhas grandes
vistas sobre o val do río Miño e afondar no coñecemento histórico da contorna”,
explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Escavado
a inicios do século XX pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, nel apareceron
diversos fragmentos de cerámicas, trisqueles e outros obxectos de valor dos que
nestes intres non se coñece o seu paradoiro ou que están misturados cos restos
doutros lugares. Por iso, tras a limpeza da zona promovida pola Comunidade de
Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Salcidos en colaboración coa súa hómologa do Rosal, hai dous anos, e que permitiu
documentar os restos dunha vivenda en superficie; agora o Concello rosaleiro
promoveu unha pequena escavación de 12 metros cadrados na contorna da muralla
“para coñecer o seu estado de conservación e potencial, así como para descubrir
máis datos sobre a época deste castro e sobre as súas xentes”.
Ademais
desta intervención, tamén porase en valor un petróglifo situado a escasos
metros do castro, que podería ser da mesma data ou anterior e que consiste nun
reticulado. Esta peza foi sinalizada dentro dos traballos da campaña. Tras as
escavacións realizarase unha visita guiada ao castro e á súa contorna para dala
a coñecer á veciñanza.
A
campaña contou co apoio da Deputación de Pontevedra, que financiou con 4.767
euros para os traballos de sinalización a través dunha liña de axudas para a
rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural dos concellos da
provincia para o ano 2021.


Ningún comentario:
Publicar un comentario