A Casa Consistorial do Rosal conta xa coa súa caldeira de biomasa
A recepción deste novo sistema de enerxía limpa suporá un aforro enerxético do 50%
Infogauda / O Rosal
O
Rosal camiña con paso firme cara á sostibilidade. O Concello vén de recepcionar
as obras de instalación da caldeira de biomasa para a produción de calefacción
mediante combustible de pellet de madeira na Casa Consistorial.
“Empregar
esta nova fonte de enerxía non só permitirá reducir a pegada de carbono, senón
que tamén permitirá un aforro enerxético do 50%”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís,
e engade: “a sostibilidade ambiental é a folla de ruta polo que, dende o
Concello, seguiremos traballando e apostando polas enerxías renovables”.
En
efecto, con esta acción, que se suma á levada a cabo recentemente na Escola de
Pancenteo, o Concello completa a primeira parte dunha transformación integral no
sistema de calefacción de todos os edificios públicos rosaleiros, que irá mudando
o emprego de combustibles fósiles por outras formas de enerxía máis limpas e
respectuosas co medio ambiente. Tras un estudo pormenorizado do estado dos
sistemas de calefacción das instalacións públicas, o goberno municipal decidiu
comezar a devandita transformación pola Escola de Pancenteo e maila Casa do
Concello ao constatar que as súas caldeiras presentaban un estado de maior
obsolescencia, moi preto xa do final da súa vida útil.
As
obras de instalación da caldeira de biomasa da Casa do Concello contou cun
investimento de máis de 94.000 euros, cofinanciados ao 25% con fondos propios
do Concello e ao 75% polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Xunta
de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do
Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ningún comentario:
Publicar un comentario