11 de ago. de 2022

DEPORTES

BALONMÁN

DHF

Patrícia Lima e Carla Gómez secundan a Marisol Carratú na capitanía 

A portuguesa e a catalá completan o triunvirato de capitás para a tempada 2022/23 

Ambas as dúas estréanse acompañando nesta responsabilidade á gardameta arxentina 


Marisol Carratú - no centro da imaxe - con Carla Gómez e Patricia Lima, triunvirato de capitás do Mecalia Atlético Guardés 2022/23
Foto: MAG

Redacción / A Guarda

 A capitanía do Mecalia Atlético Guardés 2022/23 terá dúas novas inquilinas que acompañarán a Marisol Carratú, primeira capitá do equipo. Patrícia Lima e Carla Gómez completarán o trío e exercerán a responsabilidade este curso.  

 Desta forma, o equipo miñoto regresa ao modelo de tres capitás. O ano pasado, Lorena Pérez foi a segunda e a porteira arxentina a primeira, sen unha terceira. Este curso, regresa a figura da trindade, coa central portuguesa e a pivote catalá, que se estrean nestas lides.   

 Para Carla Gómez, o curso que comeza o 3 de setembro será o sexto no club. Plenamente asentada na entidade e na Guarda, a xogadora de Sant Antoni de Vilamajor é unha persoa conciliadora, próxima e dialogante. Factores todos eles importantísimos para exercer unha capitanía. O ano pasado raiou a gran altura e acumulou moitos minutos en pista, compartindo o posto cunha Estefanía Descalzo que tivo que reconverterse a pivote ante a falta de efectivos.  

 Pola súa banda, a central de Matosinhos acomete a súa cuarta campaña no club miñoto. Na pasada tempada deu un paso adiante en todos os sentidos. Elevou o seu nivel de xogo ao máximo, mantívoo con regularidade durante todo o curso e asumiu con naturalidade o peso de ser a única central específica dispoñible -Hannah Nunes non puido chegar nin a debutar pola súa lesión de xeonllo-. Ademais, pasou a traballar no centro do 6:0, multiplicando a súa esixencia defensiva, pero tamén as súas prestacións. Desta forma, aglutinou unha enorme cantidade de minutos en pista. Todo iso aderezado cunha capacidade de liderado nata, que desenvolvía tanto dentro como fóra da pista. Este ano, seguirao facendo igual, pero coa oficialidade da capitanía confirmada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario