Para visibilizar o centenario da gran mobilización social contra os foros en 1922
O IEAMSo organiza varias actividades
Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) / Guillarei (Tui)
Co motivo do centenario dos sucesos de Sobredo que se cumprirán o próximo 28 de novembro, desde o IEAMSo ideamos unha serie de actividades que tentan visibilizar o CENTENARIO da gran mobilización social contra o Foro ao longo do ano de 1922. A confrontación derivada da oposición aos embargos que decretaba o Xulgado ao negarse a pagar o Foro, convocou á veciñanza e a intervención da Garda civil que rematou coa tráxica morte dos coñecidos como Mártires de Sobredo.
Esta campaña pola abolición do Foro iniciouse a partir dos acordos acadados no Congreso Agrario de Tui que se desenvolveu nesta cidade no Teatro Principal os días 28, 29 e 30 de xullo do ano 1922. A partir dese momento desenvolvéronse ao longo de todo o país actos de sensibilización e concienciación social promovida polas organizacións agrarias que procuraban a abolición do pago das rendas señoriais sobre as terras agrícolas e a promoción de melloras sociais, tanto en avances para o agro como en formación educativa e na organización da sociedade labrega daquela época.
Por este motivo programamos para o día 29 de xullo unha conferencia co título de “O Congreso Agrario de Tui”, impartida polo profesor da Universidade de Santiago, Miguel Cabo Villaverde, un dos grandes especialistas sobre o agrarismo. Terá lugar no Edificio Francisco Sánchez (antiga Área Panorámica), ás 20:00 hs.
O día 30 de xullo programamos coa axuda de Xosé Martínez Tato, de Andatui, e coa colaboración do Concello de Tui, unha andaina co título: “Memoria: espazos e tempos do Congreso Agrario de Tui a Sobredo”.
Un percorrido de 8,5 km que nos levará da praza de Frómista, diante do Teatro Principal, até o coñecido como Campos dos Mártires en Sobredo (Guillarei).
O inicio da andaina será ás 8:30.
Esíxese puntualidade.
Prégase difusión.
Información: Xosé Manuel Estévez (teléfono: 679 417 604), Marga do Val (teléfono: 626 373 738)
Ningún comentario:
Publicar un comentario