27 de xul. de 2022

A GUARDA

"UN CANTO Á COR E A VIDA", DE CHUNY VÁZQUEZ

Unha exposición de obras pictóricas que pódese visitar na Casa dos Alonso, ata o vindeiro día 13 de agosto


Chuny Vázquez na exposición que presenta na Casa dos Alonso
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Na noitiña deste martes, 26 de xullo de 2022, asistimos na Casa dos Alonso (praza do Reló, nº 1) a apertura da exposición de obras da autoría da pintora Chuny Vázquez Vicente, acto que contou coa asistencia do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; da concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; e membros da corporación municipal de A Guarda. Tamén asistiron a alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís; e o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva Domínguez. Asemade, houbo unha ampla representación de membros de asociacións e da veciñanza de A Guarda e da súa contorna, o que interepretamos como unha decidida mostra da estima e o aprecio que á cidadanía  lle ten a Chuny Vázquez, como xa tiñamos constancia desde fai moitos anos.

 Abriu o turno de intervencións este cronista, para decir, entre outras cousas: "(...) Na xenealoxía da nosa amiga e veciña Chuny Vázquez vemos a Antonio Palacios Ramilo, cuxa impoñente figura, e súa amizade co pintor Antonio Medal Carrera, puideron alentar a innata vocación artística de Alfredo Vázquez Palacios, pai de Chuny. 

 Alfredo Vázquez, artista guardés cuxa andaina vital foi moi limitada no tempo, foise para o alén sendo súa filla unha nena de pouco máis de 4 anos de idade. Con todo, andado o tempo, grazas a Chuny puidemos coñecer o mérito da súa obra – un verdadeiro tesouro -, que ela, coa xenerosidade de varias persoas, foi rescatando pouco a pouco.  

 Máis na persoalidade de Chuny tivo unha especial influenza súa nai, María Vicente Rodríguez, cuxa existencia física foi maior que a de seu esposo. E ainda quedando viuva moi nova, esa circunstancia non lle impediu que lograse criar a súa filla facendo posible o binomio nai/pai, transmitíndolle os valores (educación, espíritu de sacrifizo, respecto, solidariedade,…) dunhas persoas de ben (...)". 

  "(...) Botando unha ollada a tempos pretéritos - como decía noso colega Ángel Luis Troncoso Alonso -, malia haber transcorrido máis de corenta anos, lembro como se fose hoxe, os comezos creativos da nosa pintora - que mesmo foi discípula da benquerida e prezada Alicia Alonso Fernández -, e podo decir que Chuny é unha muller con talento, traballadora, comprometida coas causas nobres, e sempre positiva.  

 Na súa obra está sintetizada a testemuña feita Arte, do seu lene tránsito polos camiños da vida. Seu compromiso cos máis fráxiles. Súa presenza activa, e súa voz sempre alentadora.  

 Como poderemos observar, na súa obra hai diferentes épocas, variados cromatismos e temáticas. A presenza das figuras é unha constante, tratadas sempre desde unha óptica e cunha técnica moi persoal, que nos evocan beleza intemporal e sosego.   

 Hai tamén outras propostas, xurdidas nun proceso de prospección, que acreditan a inquedanza da autora, na procura de novos xeitos de expresión plástica.  

 Por iso, e a vista da súa andaina, podemos afirmar que a traxectoria artística de Chuny é ampla e continuada no tempo. Aquilatada e recoñecida. E non soio iso, senón que dende fai anos, é unha artista valorada polas persoas que teñen amor pola arte e gostan de apoiar a creadoras como Chuny Vázquez,  consolidadas no tempo (...)".

 "(...) Chuny, que tivo en Alfredo Vázquez Palacios e en María Vicente Rodríguez, os exemplos nos que inspirarse como persoa, non soio rescatou a figura e a memoria artística de seu pai, senón o tesón e a constancia de súa nai. Con esas referencias forxou súa propia identidade persoal e artística, como muller emprendedora, pensadora, pintora e poeta.  

 Hai que ter moi claro o que unha persoa quere ser na vida, e poñer niso toda a vontade e o máis firme propósito, para acadar, andado o tempo, o obxectivo proposto.  

 Chuny púxose a ese labor con toda súa determinación e con toda súa enerxía. 

 Como ben dixo Daniel Capó, asesor editorial, crítico literario e articulista: “(…) A arte e a cultura fálanos da orixinalidade a través dos séculos, pero moito máis da intimidade da ialma”. E engadiu: “(…) Platón dixo que pensar, é falar con un mesmo, o cal subraia a importancia de ese “un mesmo” (…)”.  

 Na obra lírica e pictórica de Chuny hai moito desa filosofía do pensador grego. E hai tamén diálogo cos ancestros que continúan vivos na memoria, e polo tanto seguen conversando coa nosa artista día a día. O novo xurde dese contacto con eles; non como imitación, senón como vencello e como encontro creativo, ainda que os feitíos non sexan necesariamente coincidentes.  

 O que imos presenciar nesta exposición de Chuny é froito de intensos anos de traballo. A maioría das veces na soidade do estudo, nunha tensión entre a mente, a materia e o soporte, que logo dun proceso, como de alquimia - non sempre doado -, triunfa finalmente a euritmia, é dicir, a relación harmoniosa entre os elementos dun todo, que forman unha obra de arte (...)".

 Trala nosa disertación fixo uso da palabra o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, para referir que esta sala na que está a exposición de Chuny Vázquez, é o salón de plenos do Concello, pero xa antes de que as dependencias municipais estivesen na Casa dos Alonso, facíanse eiquí as exposicións de verán, sendo alcalde naquela época José Manuel Domínguez Freitas.

 Antonio Lomba tamén lembrou que por causa da pandemia levábamos dous anos sen ter este tipo de exposicións na Casa dos Alonso, e a ampla mostra da obra de Chuny Vázquez, vén a encher de policromía e de ledicia estas salas, o cal é moi de agradecer.

 A continuación fixo uso da palabra Chuny Vázquez, para expresar seu agradecemento ao alcalde e a concelleira de Cultura de A Guarda, respectivamente, así como as persoas dese departamento, por todo seu apoio para que esta exposición fose posible e quedase tan bonita.

 A pintora guardesa tamén agradeceu públicamente a magnífica acollida dispensada por todas as persoas que asistiron a ese acto.

 No que respecta ás obras que expón, Chuny afirmou que son o traballo realizado desde a anterior exposición de fai máis dunha década ata hoxe en día, e os cadros que están na sala anexa, corresponden a diversas épocas da súa producción artística.

 Unha vez rematada a disertación da pintora, foi servido un viño galego, agasallo do Concello de A Guarda.


Vista parcial da exposición "Un canto á cor é a vida", de Chuny Vázquez

 As persoas que visiten a exposición de Chuny van atopar unhas obras exultantes de cor, nas que as protagonistas son, maioritariamente, figuras humanas, tanto de A Guarda como persoas anónimas de idades heteroxéneas. Mulleres e homes parolando na rúa, mocidade con medios de mobilidade sostíbel, ... En definitiva, xentes como calquera de nós. 

 Hai tamén outras propostas, como cabalos, flores, recunchos pintorescos do noso pobo, embarcacións,..., mais sobor de todo hai beleza e paz.

 A exposición "Un canto á cor é a vida", de Chuny Vázquez poderase visitar de luns a sábado, ata o día 13 de agosto, inclusive, en horario de 10:30 a 13:30 e de 19:00 a 21:00 horas, agás o día 29 de xullo pola tarde, debido a un evento programado con motivo da Festa do Peixe Espada, e a que está convocada unha sesión plenaria ordinaria da corporación municipal de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario