22 de xul. de 2022

OIA

Máis de 150 rapaces e rapazas de toda España visitaron Oia coa Ruta Quetzal  


Os participantes da edición da Ruta Quetzal deste ano, dando un paseo pola contorna do Mosteiro de santa María de Oia
Fotos: C.O.

Infogauda / Oia

 Un total de 156 rapaces e rapazas de diferentes puntos de España visitaron esta semana o concello de Oia, que foi unha das paradas da edición da Ruta Quetzal deste ano. Baixo o título “Expedición Translatio”, esta experiencia cultural percorre terras portuguesas e galegas con destino a Santiago de Compostela.  

 A iniciativa, dirixida por Íñigo de la Quadra-Salcedo (fillo do reporteiro, promotor cultural e deportista Miguel de la Quadra-Salcedo, fundador desta prestixiosa ruta), recalou en terras oienses o pasado mércores, procedente de A Guarda. Durante a súa estadía no municipio, os expedicionarios e expedicionarias percorreron parte do barrio do Arrabal e o Mosteiro de Santa María de Oia, enclaves de gran valor patrimonial, onde puideron descubrir os principais fitos da historia local.  

 O grupo, composto por 156 mozas e mozos e máis os seus monitores, baixo a dirección de Íñigo de la Quadra-Salcedo; foi recibido polo concelleiro de Medio Ambiente de Oia, José Manuel Rodríguez. En nome da alcaldesa, Cristina Correa, o edil deulles a benvida e desexoulles unha grata experiencia, confesándolle aos rapaces e rapazas o orgullo que supón para o municipio telos de visita. Xunto a el estivo Xoán Martínez, director da empresa Residencial Monasterio de Oia S.A.,  quen tamén brindou unha calorosa benvida a todos os participantes.  


O grupo de mozas/os realizou unha visita ao Mosteiro de Santa María de Oia

 O grupo, que percorre diversas localidades galegas e portuguesas na súa “Expedición Translatio” realizou unha visita ao Mosteiro e á Praza Centinela, pernoctando nas instalacións do CEIP Mestre Manuel García, cedidas polo Concello para albergalos durante a súa estancia.   

 Pola súa banda, a Ruta Quetzal, da man de Íñigo de la Quadra-Salcedo, fixo entrega ao Concello dunha placa conmemorativa da visita. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario