O Obradoiro de Emprego dual Manuel B. Portela VII rematou con éxito
• O acto de clausura e de entrega de diplomas realizouse este venres día 22 de xullo de 2022 no salón de actos do Centro Cultural de A Guarda
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O salón de actos do Centro Cultural de A Guarda acolleu este venres día 22 de xullo de 2022, o acto de clausura do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII, que ao longo de 9 meses víu realizándose en formato dual, orientado á atención sociosanitaria en institucións e á promoción turística local e información ao visitante.
No devandito acto, a concelleira de Desenvolvemento Local e Educación, Fátima Rodríguez Marcos, amosou a súa satisfacción polo feito de que o alumnado dese obradoiro tivese a oportunidade de mellorar a súa inserción laboral e formarse na súa propia localidade, indicando que as prácticas realizadas tamén supoñen unha boa maneira de achegarse ao mercado de traballo e pór en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da duración do obradoiro.
Para o alcalde, Antonio Lomba Baz, o obradoiro de emprego é unha ferramenta moi importante para formar a veciños e veciñas de A Guarda. Por iso, a aposta do equipo de goberno municipal é continuar optimizando as instalacións, como coas actuais obras de mellora da accesibilidade dese espazo, e poder así continuar formando a poboación guardesa sen necesidade de saír da vila.
Este obradoiro estivo subvencionado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade.
Todas as persoas que participaron no obradoiro beneficiaronse dunha formación específica, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade, incluídos en cada proxecto, e ademais puideron optar a prácticas en entidades e servizos do propio concello.
Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregados, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais permitíu recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuíu tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao da comunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario