Concello e U.D. Ribera falan de proxectos de presente e futuro ao abeiro do programa ‘A veciñanza conta’
A alcaldesa reuniuse coa directiva do club, coa que abordou a reforma do campo de fútbol para crear unhas instalacións plenamente inclusivas
Infogauda / O Rosal
O
Concello continúa construíndo O Rosal do futuro coa colaboración do tecido
asociativo do municipio. Ao abeiro do programa ‘A veciñanza conta’, alcaldesa e
directiva da U.D. Ribera mantiveron estes días un encontro no que abordaron
proxectos de presente e de futuro do club, como a reforma do campo de fútbol da
Mata “para convertelo nunhas instalacións plenamente inclusivas a medio prazo. Somos
un concello comprometido que busca facer do municipio un lugar accesible para
todos e todas, tamén no eido deportivo”, salienta a rexedora, Ánxela Fernández
Callís.
Durante
a reunión alcaldesa e U.D. Ribera trataron principalmente a primeira fase do proxecto
para crear un campo de fútbol accesible, que comezará nos vindeiros días coa
licitación das obras de reforma integral dos vestiarios. Concello e club tamén
comezarán a traballar no proxecto de cambio do céspede do campo, unha
necesidade detectada pola entidade deportiva e para a que “buscaremos non
soamente financiamento, senón tamén levalo adiante de xeito planificado para minimizar
o efecto na actividade deportiva que se leva a cabo nel”.
A
reforma dos vestiario incluirá a mellora da accesibilidade aos sete vestiarios
independentes cunha nova distribución e xerando novos espazos accesibles tanto
para o persoal técnico como para as e os xogadores. Así, aumentarase o número
de duchas dispoñibles con cabinas accesibles, ampliarase a porta de acceso a
estas instalacións ou instalaranse portas corredoiras para comunicar os
vestiarios 1 e 2 e 3 e 4 e poder dispoñer así dun espazo único con dobre
capacidade.
Durante o encontro a alcaldesa quixo poñer en valor o gran traballo que está a desenvolver a U.D. Ribera, “cunha clara aposta pola canteira e cunha reactivación exemplar tras a crise sanitaria. É un orgullo contar con entidades como este club, un dos poucos que durante a pandemia soubo adaptarse para manter a actividade deportiva entre nenos e nenas, algo tan importante para a saúde xeral, especialmente nun momento tan delicado”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario