CAMPOSANCOS, UN ENTORNO ÚNICO, ABANDONADO POLA XUNTA DE GALIZA
Redacción / Camposancos
A Entidade Local Menor de Camposancos, no termo municipal de A Guarda (Pontevedra) acolle e triplica a súa poboación con centos de turistas ao chegar o verán.
A súa situación estratéxica na desembocadura do Miño, fai de Camposancos un lugar moi visitado polo turismo, ademais de ser paso do Camiño Portugués pola Costa.
A parte das súas praias e paisaxe, Camposancos conta ao largo de todo o ano cun número importante de actividades realizadas en colaboración coa veciñanza que fan deste pobo un lugar singular moi visitado tanto no verán coma no inverno.
Pero non todo é fermosura, a estrada da Circunvalación que conecta Camposancos coa Guarda resulta moi arriscada para os desprazamentos a pé. Os numerosos peóns que a utilizan teñen que camiñar pola calzada, porque non hai sitio para eles. A Xunta de Galicia non cumpre coas súas obrigas e a Entidade Local Menor vese na obriga de desbrozar cos seus propios medios diante do abandono da Xunta de Galiza.
“Estamos moitas veces a saltar ao medio da maleza para esquivar os coches e en moitas ocasións teñen que parar os automóveis cando hai un viandante e se atopan dous vehículos de fronte. A falta dunha senda peonil que una Camposancos coa Guarda, é unha demanda constante da veciñanza e dos que nos visitan” comenta a presidenta da Entidade Local Menor, Mª Mercedes Martínez Vázquez.
Ante esta situación, a Entidade Local Menor, amosa o seu descontento e insta unha vez máis á Xunta de Galiza a dar solucións, despois de reiteradas veces de solicitalo por escrito, telefónicamente e incluso facer manifestacións relevantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario