4 de xul. de 2022

A GUARDA

Langosta, blues e o ‘Piueiro’, ingredientes estrela da XXX “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira”   

A choiva e os tronos  de primeira hora da mañá na Guarda deron paso ao mediodía a unha xornada menos solleira pero igual de exitosa que as dous anteriores e na que non faltou de nada.  

A ‘jam session’ do Festival Mar de Blues, un luxo para os amantes da música que chegaron de numerosas cidades españolas para disfrutar do directo de reputados intérpretes.  

O “Piueiro” foi outro de los grandes atractivos da festa gastronómica, que se celebrou durante tres días na vila.  


 Ambiente que presentaba este mediodía a carpa da XXX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. 


Mar Bermúdez / A Guarda

 Os tronos e a choiva cos que se espertou esta mañá A Guarda deron paso ao mediodía a un apracible domingo repleto de actividades co que o Concello poñía punto final á trixésima edición da “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira”. A gastronomía, a música en directo e as travesías a bordo dun barco tradicional como o “Piueiro” foron os principais atractivos dunha festa que se prolongou tres días e da que gozaron numerosos veciños e visitantes. Un programa máis que apetecible co que se identificaron miles de persoas, desde os amantes da boa música aos que saben apreciar a boa mesa.  

 O difícil obxectivo de agradar a todos por igual cumpriuse no trinta aniversario dunha celebración que comezou por unha casualidade -en 1991 houbo unha inusual abundancia deste crustáceo nas súas costas e decidiuse facer unha festa de exaltación do produto- e que, hoxe, salvo os dous anos máis duros da pandemia, non deixou de crecer en admiradores.   

 Ademais dos veciños, estes días na Guarda déronse cita numerosos turistas, algúns deles vellos coñecidos e outros que celebraban a súa primeira vez nun pobo que conta con todos os encantos dunha vila mariñeira, incluídos uns arredores espectaculares. 


Un momento do Festival Mar de Blues na Praza do Reló

 Diso poden dar fe, por exemplo, algúns dos músicos que protagonizaron o Festival Mar de Blues e que o sábado ao mediodía achegáronse ata o Monte Santa Trega para admirar a paisaxe desde a cima. Precisamente, eles foron os protagonistas indiscutibles da noite do sábado -e parte da madrugada- cunha ‘jam session’ inesquecible que congregou no escenario da Praza do Reló a intérpretes da talla de Will Jacobs, Remi Bankyln, Julian Vaughh, Javier Vacas, Marcos Coll e Javier Turnes, entre outros instrumentistas. Desde Chicago a Londres, pasando por Santiago de Compostela ata A Guarda, o cartel do Mar de Blues atraeu a un bo número de persoas, que acabaron namoradas do potente directo destes músicos, que improvisaron con ata cinco formacións diferentes. 

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; a tenente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes; e o concelleiro de Festas e Turismo, Rafael Álvarez, subíronse ao escenario para agradecer aos intérpretes a súa participación no evento e agasallarlles con algúns recordos da vila e do seu paso pola festa. 


O Piueiro, un dos grandes atractivos da festa

 E se a noite foi para o blues e o mediodía para a langosta e outros manxares mariños, a tarde tivo un claro protagonista: o “Piueiro”. A embarcación tradicional, unha das máis representativas do pobo guardés xunto coa gamela, realizou viaxes durante toda a tarde para mostrar aos visitantes a navegación do barco co que os mariñeiros guardeses ían ata mares de lonxe. Unha odisea que relatan os experimentados membros da asociación, formada na súa maioría por armadores e pescadores xubilados. 

Erea Castro, o broche de ouro a tres días de festa ao redor da lagosta 

 O roteiro das cetarias e do Museo do Mar, os pasacalles a cargo de grupos locais, o vermú mariñeiro e a feira de artesanía coparon a axenda dominical de numerosas persoas nesta xornada final da festa. A música, neste terceiro e último día de festa, correu a cargo de Erea Castro, cunha actuación de hora e media, na Praza de San Bieito, mentres que o grupo de gaitas “A Boalleira” amenizou musicalmente a despedida entre o porto e a carpa.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario