19 de xul. de 2022

A GUARDA

O BNG RESPÓNDELLE AO ALCALDE DA GUARDA QUE POÑA DÍA E HORA PARA DEBATER SOBRE  O ACORDO  ENTRE O  PSOE E O PP  NO  PERI 5

Anxo Baz: “Para o BNG é crucial desenvolver este PERI e facerse cos 15.000 m² de terreo municipal para facer fronte aos retos da nosa sociedade, que demanda espazos públicos  de calidade”. 

 

Anxo Baz, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda


Infogauda / A Guarda

 O portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, Anxo Baz fixo público un comunicado no que mostra a aceptación do seu grupo a un debate público sobre o PERI 5 e manifesta que “unha vez máis, farán un esforzo para  convencer ao PSOE e ao PP de que 15.000 m² que se logran desenvolvendo o PERI son 5 veces máis que os 3.000 m² que ofrece o pacto entre o  PSOE e o PP”.  

 O nacionalista recórdalle tamén “ao alcalde que aínda está a espera dunha reunión para falar do mesmo tema no que estivera presente o arquitecto municipal, proposta feita polo alcalde no pleno, e da que non se volveu  saber máis”.  

 Anxo Baz insiste en que “o desenvolvemento do PERI na súa totalidade dotaría A Guarda de 15.000 m² de terreo municipal para infraestruturas, aparcamentos en superficie e zonas verdes que sumado aos terreos da Alameda municipal conformarían un importante pulmón verde no Centro da Guarda”.  

 O nacionalista insiste “que para o BNG é crucial desenvolver este PERI e facerse cos 15.000 m² de terreo municipal para levar adiante  un proxecto  capaz de  facer fronte aos retos da nosa sociedade, que demanda espazos de calidade”.  

 Anxo Baz recórdalle ao alcalde que “está en minoría e que debera escoitar máis e tratar de conseguir un consenso con todas as forzas políticas para desenvolver este PERI do xeito máis satisfatorio posibel para o pobo da Guarda. Hai decisións que son irreversíbeis e de gran transcendencia como o desenvolvemento do PERI 5, que non se poden tomar a lixeira polas consecuencias futuras que van ter”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario