"UN CANTO Á COR E Á VIDA"
Mostra de pintura de Chuny Vázquez, na Casa dos Alonso
Desde o día 26 de xullo, ás 21:00 horas, en que será inaugurada, ata o día 13 de agosto
A partir do día 27 de xullo poderase visitar de luns a sábado, de 10:30 á 13.30 e de 19:00 á 21:00 horas
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Na madureza existencial, é cando unha artista, sexa do ámbito que sexa, pode xirarse e botar unha ollada o seu labor ao longo da súa andaina vital. E se cadra valorar - e mesmo partillar - o tanxible.
As veces é necesario deterse - como por imperativo sobrevido a todos nos aconteceu fai nada -, para reflexionar, poñamos por caso, sobre tres asuntos cruciais: quen somos, de onde vimos e a onde vamos.
Unha vez acadadas ás correspondentes conclusións, haberá que considerar se procede continuar o roteiro ou mudar o rumbo.
Chuny Vázquez Vicente, unha destacada creadora de A Guarda, decidiu facer ese exercicio. Dese xeito, fai máis de dous anos concibiu unha exposición retrospectiva que inicialmente tiña programada para o verán de 2020. Polos motivos que todos sabemos, a dinámica planetaria obrigou a deter nosa marcha á mínima expresión, impondo temporalmente outro xeito de existir.
Seguindo súa intuición, Chuny decidíu que había que agardar que a situación mudase, a mellor. E agora, cando xa é notorio que podemos sentirnos máis motivados aos reencontros, considerou que os tempos son chegados.
Por iso, coa mellor disposición persoal e co apoio institucional do concello de A Guarda e do persoal de Cultura, Chuny Vázquez vai presentar "Un canto á cor e á vida". Trátase dunha mostra que sintetiza o seu labor pictórico ao longo de máis de catro décadas, que desde o día 26 de xullo, ás 21:00 horas, en que será inaugurada, vai acoller ata o día 13 de agosto. a Casa dos Alonso.
Desde o día 27, a exposición poderá visitarse de luns a sábado, de 10:30 á 13.30 e de 19:00 á 21:00 horas.
"Un canto á cor e á vida" é o título dese repaso que Chuny Vázquez fai a súa traxectoria de creación plástica e que desexa partillar con toda á veciñanza de A Guarda e súa contorna.
É tamén, un xeito de exporse diante da opinión pública e que sexan os visitantes da mostra os que teñan á última palabra e valoren súa andaina pictórica.
"Un canto á cor e á vida" vai reunir unha magnífica representación da producción artística de Chuny Vázquez que concentra o celme da súa creatividade.
Será pois, unha oportunidade espléndida para achegarnos a unha selección - por razóns obvias de espazo físico - de cadros pintados por Chuny desde comezos dos anos 80 ata hoxe en día. Son catro décadas de actividade e de inquedanza, nas que a pintora, sen deixar de lado outros asuntos da vida cotiá, procurou ter sempre un tempo para a arte. Ese obxectivo, non sempre doado, foino mantendo ao longo de toda súa traxectoria e os resultados van estar á vista de todas aquelas persoas que aprecian á beleza. Ese é, en definitiva, o propósito da exposición "Un canto á cor e á vida" , de Chuny Vázquez Vicente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario