A programación de verán continúa con cinema, feira de oportunidades, concertos e eventos deportivos
• A programación da Axenda de Verán e de Miúdo Verán inclúe esta semana actividades de todo tipo e para todo tipo de públicos
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda continúa esta semana coas actividades da Axenda de Verán 2022, unha programación de actividades extensa, para todos os gustos e para todas as idades, que estenden ata o mes de setembro con concertos, exposicións, actividades de rúa, eventos deportivos, festas gastronómicas, populares e relixiosas, entre outros.
A concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes, destaca a gran aposta feita dende o consistorio municipal para realizar unha programación variada e atractiva, tanto para guardeses coma visitantes, e que sen dúbida non deixará a ninguén indiferente.
Mª Montserrat Magallanes indicou na presentación desta axenda que A Guarda contará este ano cun verán no que se retoma a actividade cultural, de ocio e deportiva trala pandemia, froito dun amplo traballo de programación e organización que se pode ver xa reflexado na gran cantidade de eventos recollidos nesta Axenda de Verán 2022.
O alcalde de A Guarda convida a visitantes e guardeses a participar nesta programación da Axenda de Verán 2022, cunha variedade e calidade de eventos que fará de impulso para todo o tecido empresarial da vila, atraendo a moitas persoas e incentivando tamén a actividade comercial da vila da Guarda.
Dende o Concello de A Guarda faise un agradecemento público a todas as asociacións culturais e deportivas da vila, que co seu traballo enriquecen ao noso pobo e conseguen facer sorrir, desfrutar e pasar un rato agradable a todas as persoas que se achegan a participar con elas da cultura e do deporte na nosa vila. Despois da pandemia precisamos recuperar o tempo perdido e voltar a desfrutar dos bos momentos, encher as nosas rúas de música, baile, cine e doutras expresións artísticas.
A programación de actividades continúa esta semana coa proxección de Cine na Rúa “Bella y el circo mágico”, que terá lugar o xoves 21 de xullo ás 22:30h na praza do Reló.
Na xornada do sábado 23 de xullo a praza de Avelino Vicente acollerá a Feira Outlet do comercio guardés organizada por ACIGU CCA.
Tamén na xornada do sábado día 23 de xullo o Auditorio de San Bieito acollerá o XXVII Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis lonxevo da nosa comarca, que este ano contará coa participación dos grupos Vento Mareiro, Xamaraina, Doxe nun ano, e Do Lusco ó Fusco, de A Guarda; G.F.S. Sebastiâo, de Portugal, e Drevar, de Eslovaquia, baixo a organización da A.C. Do Lusco ó Fusco.
O sábado 23 en horario de mañá terá lugar a II Carreira de Orientación – Concello de A Guarda, un evento deportivo que consistirá en visitar no menor tempo posible tódalas balizas establecidas na orde que se indica no mapa con ata 4 participantes por equipo e con 3 categorías de competición: Xestiñas (categoría para nenas/os, sinxela física e técnicamente, con menos de 3kms en total), Xestas: categoría para adultas/os, nivel físico e técnico medio con menos de 4kms en total) e Xesteiras (categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación, nivel físico e técnico alto con máis de 5kms en total). As inscricións están abertas en: https://xestanatureza.com/eventos/orientacionaguarda/
A Axenda de Verán continúa nos meses de xullo, agosto e setembro con actividades coma os festivais de Baile Moderno de Xamaraina, a programación de actividades infantís de “Miúdo Verán” (todos os xoves), eventos deportivos, a Festa do Peixe Espada, a Mostra Creativa, presentación de libros e exposicións, as festas de San Caetano, o Encontro do libro Luso-Galaico, a Festa do Percebe, concerto da Agrupación Musical de A Guarda, as festas da Virxe da Guía, as festas das Mercedes ou a Mostra Asociativa.
Especial mención nesta programación para as Festas do Monte Santa Trega, que terán lugar do 8 ao 15 de agosto, unha semana na que as noites de verbenas se compaxinan con diferentes actividades deportivas e culturais.
Na xornada do sábado día 13 de agosto ás 11:30h ten lugar o Desfile Folclórico e de Bandas Mariñeiras, un evento multitudinario previo ao día grande - o Domingo do Monte -, no que dende a mañá as bandas mariñeiras soben ata o cumio do Monte Santa Trega para realizar os seus xuramentos ao son dos bombos, tambores e gaitas.
As festas rematarán na noite do luns día 15 de agosto coa gran tirada de fogos de artificio no porto de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario