2 de xul. de 2022

A GUARDA

A Guarda quere superar os 120 quilos de langosta por posto que logrou en 2019   

Máis dun milleiro de persoas déronse cita na carpa situada no porto para probar os primeiros pratos de langosta, á prancha e cocida, e outros produtos típicos da gastronomía dunha vila mariñeira como A Guarda.  

O Festival Mar de Blues congregou na Praza do Reló a un bo número de amantes deste xénero musical, que disfrutaron co potente directo de destacados músicos do panorama internacional.   


Máis dun millar de persoas asistiron á carpa gastronómica
Fotos: Mar Bermúdez

 Flor María Rosario con varios exemplares de langosta 


Mar Bermúdez / A Guarda

 Máis dun milleiro de persoas, entre veciños e visitantes, déronse cita onte á noite na carpa gastronómica da XXX “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” para degustar os distintos pratos preparados por restaurantes da zona nos que a lagosta reinou en fogóns e mesas. A perfecta organización do evento evitou as colas e, desde as oito da tarde ata as doce da noite, foron desfilando familias e grupos de amigos que deron boa conta dun menú moi variado (lagostas, nécoras, mexillóns, paellas mariñeiras…) e con claro sabor a mar. Este ano, os restauradores representados na carpa marcáronse como obxectivo superar os 120 quilos de lagosta por posto vendidos en 2019 e, tal e como marchan as cousas, dita meta é totalmente factible. 


Conciertazo no Mar de Blues 

Julian Vaughn, onte noite na Praza do Reló (A Guarda)

 

 E mentres no porto nutríanse os estómagos, na Praza do Reló buscábase outro tipo de emocións co concerto inaugural do Mar de Blues. Un festival que contou con nomes propios do panorama internacional como Marcos Coll, un dos mellores armonicistas das últimas décadas; Will Jacobs, guitarrista, compositor e cantante cunha dilatada carreira forxada nos escenarios de Chicago; ou Julian Vaughn, unha eminencia do jazz e do blues que tocou con grandes como B.B. King. Tamén estiveron no escenario Javier Vacas, gran baixista de estilo propio, e Javier Turnes, recoñecido guitarrista e fundador da banda galega Bakin’ Blues Band. 

 Pero non só o porto e a praza do Concello foron escenario da festa popular. Os locais da zona gozaron tamén dunha recuperada actividade, do mesmo xeito que os hoteis e pensións, que rememoraron por obra e graza da “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” un dinamismo previo á pandemia.  

Artesanía, vermú mariñeiro e exposición etnográfica   

 A mañá do sábado foi atarefada na Guarda. Á primeira hora, xa comezaban os preparativos na carpa e na rúa do Porto coa instalación das casetas de artesanía. Pola súa banda, a tripulación do Piueiro revisaba o volanteiro para deixalo listo para as viaxes da fin de semana -a partir das catro desta tarde comezan os percorridos a bordo da embarcación tradicional- e os locais da zona, a ritmo de pasacalles, despachaban os vermús mariñeiros para os máis madrugadores. 


Clase mestra de blues con músicos de prestixio e a lagosta castrexa


 Na Praza do Reló, os pequenos gozaban dunha clase mestra sen precedentes cos concertistas de Mar de Blues e tendo como testemuña de excepción á lagosta castrexa. A mascota naceu este ano para co gallo do 30 aniversario da festa e, aínda que se concibiu como un divertimento para os máis pequenos, converteuse nun dos grandes atractivos do evento guardés ao ser solicitada por pequenos e maiores para a xa típica autofoto. 


Tomás Núñez e Joaquín Cadilla, de Piueiro, con Antonio Lomba, alcalde da Guarda, na inauguración da exposición etnográfica

 

 Pola súa banda, o alcalde, Antonio Lomba, e a teniente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes, participaban ao mediodía na inauguración da Exposición Etnográfica Mariñeira da Asociación Piueiro, que xa se atopa aberta ao público e que permitirá entender mellor o obxectivo desta asociación, destinada á recuperación da tradición cultural mariñeira. 

 Mañá domingo, os visitantes poderán participar no roteiro das cetarias e do Museo do Mar, reservando previamente as súas prazas no correo festadalangosta@gmail.com  ou no punto de información situado na carpa instalada no porto da Guarda. Os pasacalles a cargo de grupos locais continuarán animando o vermú mariñeiro, que se pode probar nun gran número de establecementos hostaleiros da Guarda. A música, neste terceiro e último día de festa, poñeraa Erea Castro, cunha actuación na Praza de San Bieito, mentres que o grupo de gaitas “A Boalleira” amenizará musicalmente a despedida entre o porto e a carpa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario