XA SAÍU O LIBRO DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA 2022
Estará a disposición do público desde este luns día 18 de xullo
Na portada do libro das Festas do Monte Santa Trega, 2022 luce un artístico dibuxo da autoría de Luis Alberto Franco Lomba
Foto: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Coa publicación e distribución, no ecuador deste mes de xullo, dos vistosos carteis anunciadores reproducindo unha fermosa imaxe fotográfica aérea da autoría do fotógrafo Dionisio Ameal Pacheco; as Festas do Monte Santa Trega, 2022, voltan con brío. E fano xa que logo, coa edición e publicación do tradicional libro-programa dun dos principais festexos de Galicia, cuxa distribución comezará este luns día 18 de xullo.
Editado pola Asociación "Alameda" Comisión de Festas 2022, impreso en Gráficas Juvia, de Guillarei (Tui), dirixido e coordinado por Celso R. Fariñas, e maquetado por Antonio Martínez, de InfoMaxe; o libro das Festas do Monte Santa Trega 2022, conta cun total de 232 páxinas impresas a cuatricomía, en offset, sobre papel cuché de adecuado gramaxe.
A publicación, que leva na súa portada un excelente dibuxo a plumilla - reproducindo a aba sur do Pico do Facho, do monte Santa Trega - da autoría do artista guardés Luis Alberto Franco Lomba (Berto), e conta co apoio de 238 empresas de A Guarda e súa contorna, acolle o saúdo do alcalde e o da comisión festas, respectivamente, así como artigos heteroxéneos e de interese xeral. As colaboracións son da autoría de 29 persoas - maioritariamente de A Guarda, algunhas das cales leva máis de 40 anos achegando artigos para esa veterana publicación -, ainda que tamén de Cáceres, Goián, Madrid, Muros, Ourense, Porto e Póvoa de Varzim (Portugal), Pontevedra, Tui,..., que contribúen a un maior coñecemento e divulgación, de temas relacionados coa arqueoloxía, cultura, deportes, etnografía marítima, historia, tradicións,..., da nosa localidade e mesmo doutros ámbitos.
O libro acolle tamén unha emotiva lembranza a Miguel Ángel Sobrino Sobrino, membro da Banda Roxa, que faleceu logo de rescatar a catro persoas que se atopaban en risco de perecer nas augas da praia de Santa Fe, no municipio de Trujillo, Colón, no caribe de Honduras.
Entre os artigos hainos escritos en castelán, en galego e mesmo en portugués.
Tamén se inclúen fotografías a toda cor e tamén en branco e negro, copias de documentos e reproducións de dibuxos.
Asemade, na publicación figura o programa completo das Festas do Monte Santa Trega, 2022.
En definitiva, polas súas características e polo seu variado contido, o libro ben merece que chegue a todos os comercios, fogares e industrias de A Guarda e súa contorna, sendo - ademáis dun útil directorio - un xeito de axudar a sufragar as Festas do Monte Santa Trega, declaradas de Interese Turístico, e ao mesmo tempo unha das sinais de identidade de A Guarda. Ademais de todo un referente turístico no verán de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario