18 de xul. de 2022

AS NEVES

NOVO PETRÓGLIFO NAS NEVES 

CONFIRMANDO O PARADIGMA 








Instituto de Estudos Miñorans

 O pasado día 9 de xuño tivemos a sorte de atopar un petróglifo cunha  escena de caza  na que se identifican claramente varios tipos de cadrúpedes e un antropomorfo. Este novo pétróglifo está en Taboexa, nas Neves, no Coto Ribado, a carón dos xa coñecidos.  

 Nunha tarefa de control arqueolóxico encargada ó IEM para sinalizar e controlar unha rozas que está a facer a comunidade de montes, atopamos que a carón do camiño nunhas laxes cortadas por traballos de cantería antigos, había uns gravados non identificados ata o de agora e que non se vían con claridade. As marcas dos guillos dos canteiros e os picazos de cando nese lugar se cortou pedra disimulaban uns trazos grosos que, unha vez ollados con detalle, resultaron ser un grupo de gravados que no seu conxunto amosan unha escena de caza, cun équido moi claro, alomenos un cánido e outros dous cadrúpedes máis grandes e cunha fisonomía diferente, un deles cortado por dous guillos para as cuñas dos canteiros, mais que permite ver a parte dianteira e a traseira do corpo do animal, con fociño e orellas ben diferenciadas e na parte traseira as patas e a cauda. O outro ten ben definidas a cauda e as patas, o corpo grande e apuntado na zona da cabeza onde se aprecian dous apéndices que poderían ser orellas ou cornos. Polas proporcións e o deseño esquemático, este segundo animal difire dos outros na parte da cabeza ou anterior. 

 Todas as figuras están mirando na mesma dirección, cara o sur e nun contínuo, separadas por pucos centímetros. Teñen unhas dimensións máis grandes das típicas da zona, como por exemplo as da Coutada, uns cantos centos de metros máis abaixo. Unha das figuras, a que está máis ó sur, a dun équido,  ten case un metro de longo. Na parte central aparece un équido cun antropomorfo por baixo no que parece unha escena de caza e/ou captura. Este antropomorfo esta cunha extremidade apuntando ó ventre do équido e con outra parece que toca unha especie de lazo ou corda. Esta figura esta picada e amosa as extremidades e a cabeza semivaleiradas e con picazos que parecen alleos a escena que poderían ser posteriores, froito dos traballos dos canteiros. 

 Temos tamén outro cadrúpede que nos amosa o que parece un cánido pola orientación do rabo cara arriba e os grandes maxilares separados. Aínda pode haber outro cánido máis pequeno por baixo da escena mais pouco gravado e que no primeiro 3D de urxencia que fixemos, non se ve con detalle. 

 É un grande descubrimento pola zona e pola escena que reflicte. Nese lugar os traballos dos canteiros foron moitos e hai moitas laxes cortadas e desfeitas. Na parte superior aparecen os gravados de coviñas e grandes sucos, con arte abstracta, e non é ata uns metros máis abaixo xa na Coutada,  onde aparece outro tipo de arte figurado, tan importante pola cantidade e cualidade das escenas amosadas. Alédanos poder compartir este novo achado en Taboexa, que ven a  sumarse ó importante catálogo de arte o ar libre da zona en xeral,  e das Neves en particular. Os traballos de posta en valor que o concello ven de levar a cabo na zona coa sinalización, arranxo de accesos e camiños, limpeza xeral e posta ó dispor dos visitantes dunha aplicación na que se poden ver os petróglifos, vénse agora ampliados con esta nova escena que se suma e amplía o xa grande tesouro arqueolóxico de Taboexa e das Neves. 

Nota:

 Os debuxos e imaxes 3D son provisionais, son o resultados das primeiras fotos de prospección, pendentes dunha futura catalogación e documentación detallada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario