BALONMÁN
DHF
África Sempere volve á súa casa guardesa
A pivote ilicitana regresa ao Mecalia Atlético Guardés un ano despois da súa saída
O novo proxecto refórzase cunha das campioas de Liga de 2017, que acredita unha experiencia e capacidade máis que sobradas na liga Guerreiras Iberdrola
África estivo cinco campañas na anterior etapa, polo que este será o seu sexto curso na Sangriña
Sempere: “Teño moitísimas ganas e ilusión por empezar este novo proxecto”
Abel González: “O ambiente vai axudar a dar o seu mellor nivel”
Redacción / A Guarda
Din que o teu fogar é aquel lugar ao que sempre podes volver. Baixo esta premisa, África Sempere regresa ao seu fogar. Volve a casa. O Mecalia Atlético Guardés e a pivote ilicitana volven unir os seus camiños só un ano despois de que se separasen e Afri convértese así nunha arma máis do arsenal deportivo que Abel González dirixirá a próxima tempada.
Deste xeito, o técnico asturiano poderá contar cunha xogadora veloz na liña, capaz de deslizarse de forma case imperceptible a través dos seis metros e cunha enorme capacidade defensiva, tanto no 6.0 como de avanzada no 5.1. As calidades de Sempere están fóra de toda dúbida. Igual que a súa experiencia. Aterrou na Guarda en 2016 para iniciar a súa primeira etapa tras un paso polo balonmán noruegués. Foi chegar e bicar o santo. A ilicitana entrou, xunto ás súas compañeiras e o corpo técnico, na historia do Atlético Guardés ao proclamarse campioa de Liga. Despois viñeron catro anos con pleno de clasificacións europeas e moitas batallas, algunhas de infausto recordo, como a súa rotura de ligamento cruzado. Todo cunha implicación máxima, que a levou a converterse en capitá do equipo. Por iso, a súa fichaxe é unha aposta segura.
O seu rendemento este curso recentemente finalizado no Elxe foi notable. Achegou 72 goles, un alto nivel defensivo e, sobre todo, apromo e experiencia. No seu paso pola Sangriña foi ovacionada en repetidas ocasións, o que demostra o agarimo que a afección guardesa profésalle e que agora poderá volver mostrarlle cada fin de semana.
“Espero dar o mellor de min para achegar ao equipo”
África Sempere
Coa ilusión de revivir todas esas sensacións volve a ilicitana á que nunca deixou de ser a súa casa. “Teño moitísimas ganas e ilusión por empezar este novo proxecto”, sostén a pivote campioa de Liga en 2017, consciente de que está lista para volver ofrecer a súa mellor versión sobre o parqué da Sangriña -ou do pavillón no que xogue o conxunto de Abel González mentres duren as obras-. “Espero dar o mellor de min para achegar ao equipo”, proclama África Sempere.
Abel González móstrase satisfeito co regreso desta “vella coñecida” a casa. “Temos un bo coñecemento dela porque xa estivo aquí e penso que o ambiente lle vai a axudar a dar o seu mellor nivel”, subliña o técnico asturiano. “É loitadora e moi boa defensora. Vai achegar moito nesa faceta. E en ataque é un pivote moi móbil, traballa ben e vainos a dar outra variedade de xogo”, analiza Abel, que enxalza “a rapidez e velocidade” da ilicitana, que será de “moita axuda no contraataque”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario