19 de xuño de 2022

A GUARDA

 A GUARDA: UNHA VILA MÁIS BRILLANTE QUE NUNCA 

Na conmemoración do Día do Señor





Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Logo dunha pausa de dous anos, obrigada polas circunstancias que todos coñecemos e que consideramos innecesario nomear, ainda que debemos continuar sendo cautos, porque motivos para iso hainos; á veciñanza de A Guarda voltou con renovado espírito ao imprescindible labor colaborativo, fundamental para a realización das tradicionais alfombras florais na honra do Santísimo Sacramento.

 Os traballos previos (recolección dos materiais, transporte, debullado, conservación,...), que comezaron fai varias semanas - e nalgúns casos concretos, mesmo desde fai meses -, tiveron nestes quince días precedentes seu punto álxido no que máis que nunca todas as mans eran poucas e todas as xornadas requerían a maior intensidade, e as máximas achegas de colaboracións posibles. 

 A verdade é que a oportuna e previsora invitación feita pola xunta directiva da Asociación Cultural Alfombras da Guarda foi escoitada por moitas persoas e algunhas mesmo sen ser veciñas da vila - temos constancia da participación puntual de persoas de varios países e diferentes continentes - deron un paso ao fronte para sumarse ao labor coa mellor disposición. Era necesario pulsar esa fibra, fíxose e resultou un éxito. 

 E dese xeito, mália os efectos adversos da tronada e das elevadas temperaturas rexistradas - impropias de finais da primavera -, e cada vez máis habituais polos motivos que todos coñecemos; o certo é que ainda que algún material estragouse por causa da espontánea fermentación, e non foi pequena a perda da materia prima; a resposta cívica das persoas, para compensar esa eventualidade, non pudo ser mellor. Foi todo un exemplo de resiliencia. Houbo, iso sí, que botarlle determinación e vontade para traballar contra reloxo, mobilizando toda a loxística dispoñible - os vehículos particulares de algúns colaboradores, sen botar en conta os custes (máis elevados que nunca) nin tampouco os horarios -, producindo a un ritmo superior ao habitual, de xeito que se poidese contrarrestar á perda de materiais polos motivos antes indicados. 

 Foi así, como unha vez máis, comprobouse que todo o que conleva máis sacrificio, tamén reconforta máis cando se logran - como así foi -, os obxectivos propostos.  

  E chegada á véspera do Día do Señor - como nosos maiores adoitaban decir desde tempos inmemoriais -, á actividade nos baixos - no barrio de pescadores ainda se lles chama adegas ou chabolas -  onde os diferentes grupos veciñais viñan traballando arreo día tras día, deu paso ao labor de marcado no pavimento das rúas, dos diferentes deseños, tarefas que houbo que interromper e adiar por causa de choiva, motivo polo que a Asociación Cultural Alfombras da Guarda comunicou que a procesión sería ás 19:00 horas deste domingo.






 Coas miradas dirixidas ao ceo, na mañá do domingo, comezaría o proceso de perfilado, pousando no chan os materiais (árnica, arroz, casca de piñeiro, fíuncho, fuchsias, sementes de eucalipto ou de xesta, espigas de cereais, mirto, pampullos, labras de madeira,...), e deseguido a cubrición (con tuia, mimosa, palla centea,...), dos espazos circundantes aos motivos nos que as protagonistas foron as cores, maioritariamente de caraveis, cardos, hortensias, rosas,..., que previamente houbo que procurar, transportar e debullar. De novo a choiva fixo acto de presenza e houbo que agardar a que escampase.















 Posteriormente, cor a cor, folla a folla, pétalo á pétalo, semente a semente,..., nun labor no que desde os máis noviños ata as persoas de maior percorrido vital, nunha grata simbiose, foron dando forma aos diferentes motivos decorativos que configuraron ás alfombras florais. Todas elas, feitas con agarimo e mesmo con íntima devoción, na honra do Señor.

 O vistoso itinerario de artísticos tapices vexetais comezou na praza do Reló, continuando pola praza de Ignacio Sobrino - outrora denominada praza da Fariña -, rúa Oliva, rúa Hernán Cortés - coñecida popularmente como rúa do Medio -, praza de José María Lomba - que para as xentes do mar guardés continúa sendo O Terrado -, rúa Malteses, 1º tramo da rúa Concepción Arenal - tamén denominado coloquialmente Curva do convento -, 2º tramo da rúa Concepción Arenal, e 3º tramo da rúa Concepcíón Arenal.








 En todas as alfombras estiveron condensados inequivocamente os moitos e elevados valores de todas as persoas - mulleres, homes e nenas/os, de todas as idades, nalgúns casos, venerables nonaxenarias - que as fixeron posibles. Todas elas representaron o espírito do traballo altruista e comunitario, no que todas as persoas participantes aportaron o mellor de sí mesmas. Soio así, foi posible, que A Guarda, na celebración do Día do Señor, voltase de novo a brillar máis que nunca.

 E logo de rematar a confección das alfombras florais, chegou o momento de gozar coa súa contemplación e compartir a ledicia de veciños e milleiros de visitantes que amosaron seus xustificados parabéns por esas vistosas mostras de arte en ofrenda ao Santísimo. 

 Por último, ainda que a misa solemne xa fora oficiada pola mañá na igrexa parroquial, ás 19:00 horas tería lugar a solemne procesión, presidida polo párroco  - e membro da Comunidade Somasca de A Guarda - Luis López Castelo. Nela participaron centenares de persoas, representantes de confrarías piadosas e nenas/os que fixeron súa primeira comuñón, e inmediatamente antes da banda de música Agrupación Musical de A Guarda - dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta -, autoridades civís  - como o alcalde e membros da corporación municipal - e militares, así como representantes da Confraría de Pescadores Santa Tecla, entre outras entidades da localidade.

 Asemade, como viña sendo costume, a procesión detívose momentaneamente nos lugares onde estaban situados os correspondentes altares e a banda de música, interpretou uns compases do Himno de Galicia, mentres era alzada a custodia coa sagrada forma. 

 Tamén como é tradición, na Ribeira tivo lugar a beizón do mar.

 Queremos deixar constancia que ao longo do percorrido procesional, desde varias vivendas - e mesmo desde á terraza da Praza de Abastos - e ao paso da procesión, foron botados milleiros de pétalos de caraveis, hortensias e rosas.

 Foi así como no seu camiñar neste ano xubilar, a cidadanía da vila de A Guarda, voltou a conmemorar o Santísimo Sacramento con entusiasmo e ledicia, como nos mellores tempos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario