O Rosal prepara para este verán novas visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón
Serán catro rutas de balde ás 19.00 h para as que será imprescindible inscrición previa
Por outra banda, a oficina de información turística estará aberta xullo e agosto no edificio do Museo do Cabaqueiro
Infogauda / O Rosal
O Rosal
prepárase para un verán de turismo e lecer para gozar da natureza coñecendo un
pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. O Concello porá en
marcha de novo este ano visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón, unha
ruta cada 15 días “que levará a todas e todos os participantes por máis de tres
quilómetros de camiños nos que a paisaxe natural e o patrimonio conviven nun
equilibrio harmonioso. E ao ir acompañadas e acompañados por unha guía experta
poderán coñecer ademais as historias e curiosidades deste recuncho de gran
valor para o noso concello”, como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández
Callís.
As
visitas levaranse a cabo os venres 15 e 29 de xullo e 12 e 26 de agosto ás
19.00 horas e terán unha duración aproximada de dúas horas. O punto de encontro
para o inicio das rutas será a área
de recepción dos muíños do Folón.
Trátase
de rutas homologadas para grupos de un máximo de 20 persoas por día cunha
dificultade media, xa que ten un tramo de ascenso con chanzos non apto para
todos os públicos. Recoméndase ás persoas asistentes que acudan con calzado
cómodo e apropiado.
Para
poder participar en calquera das visitas será necesaria inscrición previa na
oficina de información turística ou enviando un correo electrónico a visitasguiadas@orosal.gal indicando:
Asunto: VISITA GUIADA DÍA (indicar a data desexada)
- Nome e apelidos de todas as persoas asistentes
- DNI de todas as persoas asistentes
- Teléfono de contacto
En caso de ter feito a reserva de praza e non poder asistir deberase avisar a través do mesmo correo electrónico ou na oficina de información turística. O Concello abrirá este verán esta oficina na rúa Ramón Franco, 2, no edificio do Museo do Cabaqueiro. Manterá as súas portas abertas durante os meses de xullo e agosto de mércores a domingo de 11.00 a 15.00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario