9 de xuño de 2022

A GUARDA

Atlantic CultureScape A Guarda vai presentar a peza audiovisual Atalaia / Piueiro 

O venres 17 de xuño ás 20:30h no Centro Cultural de A Guarda. 

O sábado 18 de xuño realizarase unha ruta guiada - en colaboración coa Asociación Xuliva e a Asociación de Redeiras Atalaia -, que partirá ás 11:30h dende a cetaria de Agrelo.  




Infogauda / A Guarda

 Tras a presentación do audiovisual Atalaia / Piueiro, na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), do Museo do Pobo Galego, o pasado 23 de marzo, a autora Xisela Franco (cineasta, documentalista e docente), vai presentar esa obra co material definitivo na vila de A Guarda, matria das mulleres (atadeiras) e dos homes (mariñeiros) protagonistas.

 O acto será o venres día 17 de xuño ás 20.30h no Centro Cultural de A Guarda. 

 A través da etnografía experimental achegámonos  á cultura mariñeira, aos oficios, aos saberes, ás tradicións e ás identidades de hoxe e de onte. Unha forma de dar visibilidade a ese patrimonio inmaterial da vila, de crear emocións arraigadas ao territorio e á súa xente, de facer poesía e antropoloxía audiovisual,..., que se verá culminada co lanzamento por vez primeira de material inédito; como son as gravacións que non foron empregadas para a peza ou aquelas de arquivo cedidas por diferentes familias veciñas da vila, entre as que están imaxes de cinema da autoría do lembrado fotógrafo guardés e cineasta, Joaquín García Portela "Costiña".

 Ao evento asistirán compoñentes da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, que pecharán a xornada cun faladoiro aberto á participación do público.   

 A actividade é de balde até completar aforo.  

Outras actividades vinculadas ao proxecto Atlantic Culture Scape

Roteiro guiado: 18 de xuño 

 



 Para continuar co proceso creativo e colectivo vinculado co patrimonio da vila da Guarda, desenvolvéronse dúas rutas nas que se recollen todo ese patrimonio construído e sostido polas persoas que habitaron e habitan A Guarda. Así, o 18 de xuño, ás 11.30h, realizarase unha das rutas que será guiada pola comunidade local. O punto de partida será a cetaria de Agrelo  e o percorrido terá unha duración aproximada de dúas horas e media. 

 Para inscricións e máis información, as persoas interesadas deberán contactar mediante correo electrónico, coa Asociación Xuliva – Historia e Paisaxismo, entidade encargada de organizar o evento:

 xulivaguarda@gmail.com

 Esta actividade tamén é de balde até completar o aforo de 45 prazas.   

 Ambas as dúas actividades contan coa colaboración do Concello de A Guarda, das asociacións Redeiras do Baixo Miño Atalaia; Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro; e Xuliva – Historia e Paisaxismo.   

Sobre Atlantic Culture Scape 

 O proxecto Atlantic CultureScape é unha iniciativa que estuda e dá a coñecer o patrimonio inmaterial do espazo Atlántico. Co-financiado polo Fondo europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ao abeiro do programa INTERREG Espazo Atlántico, o programa promove a cooperación transnacional entre 36 rexións atlánticas de cinco Estados europeos. Desta forma, participan diferentes entidades e organismos de lugares como Irlanda, Gales, Cantabria, Andalucía, Portugal,..., e Galicia! 

 Foi así como naceu Atlantic CultureScape A Guarda, un proxecto comunitario impulsado pola Universidade de Vigo e levado a cabo grazas á colaboración das asociacións mencionadas, entre outros actores locais. 

 Deste xeito, despois de tres anos de actividade, o proxecto rematará o vindeiro mes de setembro, deixando os seus obxectivos cumpridos e unha manchea de actividades de socialización e visibilización da paisaxe da vila mariñeira, da súa historia e do seu patrimonio material e inmaterial, como eixes sostibles e xeradores de economía na vila.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario