13 de xuño de 2022

O ROSAL

A primeira Festa das Asociacións chegará esta fin de semana ao Parque de Pías  

Celebrarase o vindeiro domingo 19 de xuño de 11.30 a 21.00 h. 

As persoas interesadas xa poden mercar os tíckets de comida e bebidas nas asociacións e entidades participantes e no propio Concello

    



Infogauda / O Rosal

 Tras a súa suspensión por motivos meteorolóxicos, a Festa das Asociacións do Rosal prepara a súa primeira edición con ilusión e gañas. Será unha xornada festiva que se celebrará o domingo 19 de xuño para, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “render homenaxe ao tecido rosaleiro, un dos eixos fundamentais do desenvolvemento do municipio”. O encontro desenvolverase no Parque de Pías, onde haberá música, obradoiros, espectáculos e actividades para todos os públicos de 11.30 a 21.00 h.

 As persoas interesadas en asistir á festa poden comprar xa os vales de comida e bebida que se venden de forma anticipada na Agrupación Musical do Rosal, no Acanor Novás Valinox ou na Asociación Recreativa e Cultural de San Miguel, preferiblemente, ou na propia Casa do Concello. Os tíckets terán un prezo de 12 euros e incluirán empanada, polo asado, sobremesa e bebida. O prazo para mercar estes vales remata o venres 17 de xuño.

 Xa o día 19, o inicio das actividades virá marcado pola entrada no parque do Trebón dos Xidos. Pola mañá haberá ximcana ciclista, portería de precisión, talleres e xogos tradicionais, para rematar ás 12.00 h coa actuación da Agrupación Musical do Rosal e de Airiños de San Miguel. Ás 14.00 h será tempo de comida e as actividades reactivaranse a partir das 16.00 horas con xogos populares. Ás 18 h será a quenda do espectáculo de monicreques de Mircromina Teatro, que dará paso ás 19.00 horas ás actuacións musicais de Orballo e Brassica Rapa.

 A alcaldesa agradece a colaboración das dez asociacións e entidades participantes e convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada que busca “achegar a todas e todos os participantes as actividades que están a facer as asociacións rosaleiras que traballan nos diferentes ámbitos no concello e, ademais, promover vínculos e colaboracións entre elas e asociados e asociadas”. “As asociacións son un dos motores do dinamismo do Rosal a nivel cultural, deportivo, educativo ou social, cunha capacidade de adaptación impresionante a todas as circunstancias dos últimos anos, algo que dende o Concello non podemos máis que louvar”, lembra a rexedora, que salienta que “sentimos moito orgullo de poder celebrar unha festa na que recoñecer o seu labor e dar a coñecer a todos os rosaleiros e rosaleiras o traballo que están a desenvolver no municipio”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario