22 de xuño de 2022

GALICIA

O sábado comeza a veda da centola nas provincias da Coruña e Pontevedra  

A prohibición de extracción deste crustáceo prolongarase ata o vindeiro 6 de novembro, día incluído, nas dúas provincias

Na provincia de Lugo a veda iniciarase o 2 de xullo e permanecerá vixente ata o 27 de novembro, día incluído


Centolas
Foto: X.G,

Infogauda / Galicia

 A veda da centola na parte litoral que vai desde A Guarda ata cabo Corrubedo e de cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares comeza o próximo sábado e prolongarase ata o vindeiro 6 de novembro, día incluído. Na zona comprendida entre cabo Estaca de Bares e o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, a veda comezará o 2 de xullo, sábado, e prolongarase ata o vindeiro 27 de novembro, día incluído.

 Así o establece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2022-2023, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e que neste caso establece vedas diferenciadas para as dúas especies. Este ano está prohibido extraer centola nas provincias da Coruña e Pontevedra desde as 00.00 horas do sábado 25 de xuño ata as 00.00 horas do domingo 6 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00.00 horas do sábado 2 de xullo ata as 00.00 horas do domingo 27 de novembro.

 Mentres, no caso do boi, a veda prolongarase en todo o litoral de Galicia desde as 00.00 horas do sábado 3 de setembro ata as 00.00 horas do domingo 6 de novembro.

 Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte en augas de Galicia. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto.

 A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario