23 de xuño de 2022

ECONOMÍA

A CIG-Industria demándalle á subdelegada do Goberno español en Pontevedra implicación na grave crise do naval 

Unha representación da central sindical mantivo unha xuntanza coa responsábel estatal para trasladarlle as propostas para o sector 


Mobilización da CIG en defensa do sector naval
Foto: CIG

Infogauda / Pontevedra

 Unha representación da federación de Industria e da Unión Comarcal da CIG de Vigo mantivo hoxe unha xuntanza coa subdelegada do Goberno español en Pontevedra para abordar a grave crise que padece o sector naval da bisbarra, en especial a crítica situación que atravesa o principal estaleiro, Barreras. 

 A delegación da central sindical estaba integrada polo secretario comarcal, Alberto Gonçalves; o responsábel da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández; o membro da executiva comarcal da CIG-Industria de Vigo, César Rodríguez; e o delegado da CIG en Barreras, Rafael Pérez. 

 Durante o encontro os responsábeis sindicais trasladáronlle á representante do Executivo central os detalles dunha industria que ten sido fundamental para a economía de comarca, así como as principais propostas elaboradas pola CIG para lograr a recuperación do sector: 

- Implicación real da Administración, tanto central como autonómica, na busca dunha solución para o sector, que pasa por unha enérxica intervención pública que permita a creación dun holding entre os distintos estaleiros e empresas auxiliares.

- Posta en marcha dunha Mesa do Naval para a Ría de Vigo na que se aborden solucións e se marque unha folla ruta que garanta o futuro do sector. 

- Superar o nefasto modelo de “estaleiro de síntese”, eliminando a precariedade das empresas e a excesiva subcontratación, incrementando os cadros de persoal fixos e estábeis. 

- Impulsar un a creación dun centro de reparacións navais da Ría de Vigo. 

- Apostar decididamente pola formación con condicións laborais dignas para facer posíbel a volta das persoas traballadoras emigradas. 

- Contratación das empresas da contorna para xerar riqueza na comarca. 

 No caso de Barreras, a representación da CIG demandou do Goberno central un compromiso claro na formación e recolocación do persoal despedido do estaleiro, así como a súa total cobertura económica mentres dure o proceso. Os responsábeis sindicais tamén instaron a depurar as responsabilidades entre aquelas persoas que ostentando cargos de dirección levaron á creba ao maior estaleiro privado do Estado español. 

 Outra cuestión que se abordou na xuntanza foi a delicada situación de Metalships, estaleiro que na actualidade carece de carga de traballo e que sobrevive unicamente da reparación naval. “Tras o acontecido con Barreras e Vulcano, trasladámoslle a nosa preocupación polo futuro de Metalships”.  

Resposta a Asime 

 Por outra banda, dende a CIG-Industria de Vigo saíron ao paso das recentes declaracións do secretario de Asime, unha das principais patronais do metal, nas que anunciaba o inicio dunha rolda de contactos con embaixadas de países de Latinoamérica e de Europa do Leste para axilizar os trámites de contratación temporal de traballadores/as para o sector.  

 “Parécenos unha postura totalmente fóra de lugar, porque o persoal que tanto demanda o empresariado non desapareceu, foi obrigado a emigrar polo propio desmantelamento do sector, e agora traballa por todo o Estado e en varios países europeos”.  

 Para a central sindical, o que ten que facer a patronal é crear as condicións necesarias para dignificar o sector, evitando o seu deterioro e a constante precarización das condicións laborais. “Se isto segue así, teremos que ser nós os que solicitemos empresarios/as solventes nas embaixadas de terceiros países”, ironizan. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario