BALONMÁN
DHF
Carolina Silva enfócase na recuperación coa renovación debaixo do brazo
O club renovou o contrato da internacional lusa para que poida traballar con toda tranquilidade en restablecerse da súa rotura de tendón de aquiles
Carolina queda na Guarda durante o verán para facer a mellor rehabilitación posible
O período de baixa orbitará ao redor dos seis meses, pero en todo caso non lla espera de volta ata o mes de xaneiro
Silva: “Vou traballar sen descanso para volver con máis forza”
Redacción / Deportes
Carolina Silva foi intervida fai tres semanas da súa rotura do tendón de aquiles do pé dereito. A internacional lusa entrou ao quirófano da clínica Fremap de Vigo coa súa renovación asinada para a próxima tempada. O mellor exemplo de que o Mecalia Atlético Guardés acompañará en todo momento á súa xogadora no proceso de rehabilitación. Desta forma, Carolina poderá traballar con tranquilidade en recuperarse o mellor posible de tan complicada lesión nun prazo que virará ao redor dos seis meses. De feito, a xogadora de Caldas dá Rainha quedará na Guarda durante todo o verán para facer a mellor rehabilitación posible.
Co parón de novembro motivado polo Europeo, unido ao período vacacional de Nadal, Silva podería regresar en xaneiro, lista para botar unha man ao equipo miñoto no segundo tramo da tempada. Pero independentemente de cando, todas as partes están de acordo en que o máis importante é o como. E nese sentido traballarase, para que Carolina regrese ás pistas completamente restablecida.
“Experimentei momentos inesquecibles na miña curta estancia aquí e espero seguir vivíndoos”
Carolina Silva
Desta maneira, o club protexe o futuro a medio prazo dunha xogadora que se incorporou en xaneiro á disciplina do primeiro equipo. Un reforzo necesario para paliar a praga de baixas dun persoal curto xa de seu. Neses meses deixou mostras dunha boa capacidade defensiva pero, sobre todo, dunha inmensa marxe de mellora en base a un físico privilexiado. Aos seus 24 anos, ten espazo dabondo para desenvolver todo o seu potencial.
“Estou moi feliz”, apunta a internacional lusa. “O Guardés é un equipo moi competitivo, que traballa dunha maneira moi seria e ambiciona sempre estar nos postos altos, tanto na liga como na Copa e sempre en competición europea”, destaca Carolina, que desde que chegou ao club no mes de xaneiro, integrouse á perfección no grupo polo seu carácter afable e próximo. “Experimentei momentos inesquecibles na miña curta estancia aquí e espero seguir vivindo aprendizaxes e conquistas”, subliña Silva. “Por desgraza, estou a pasar por un momento difícil na recuperación da miña lesión. Pero vou traballar sen descanso para superala e volver con máis forza para axudar ao equipo”, advirte para terminar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario