BALONMÁN
DHF
O Atlético Guardés garántese o crecemento de María Sancha
A xogadora palentina renova tras unha gran toma de contacto coa categoría e disposta a ir a máis no seu segundo ano
A súa electricidade e capacidade para penetrar é un valor seguro para o ataque do Guardés
Sancha: “Esperamos gozar, facer gozar e que todo nos salga ben”
Redacción / Deportes
Nunca é fácil debutar na máxima categoría. María Sancha fíxoo a campaña pasada con só 19 anos no Mecalia Atlético Guardés tras dominar a División de Honra Prata con puño de ferro, enrolada nas filas do Rodríguez Cleba leonés, co que acabou como máxima anotadora do seu grupo. Con todo, a palentina respondeu á confianza do club miñoto para a súa primeira experiencia no primeiro nivel. Tanto, que se gañou o dereito para seguir progresando na campaña 2022/23 co escudo do Atlético Guardés no peito. Certamente, será o curso da súa confirmación.
A moza primeira liña deixou unhas sensacións inmellorables nos minutos que estivo en pista. E aínda que chegou á Guarda como central, a maior parte dos minutos desta estrea en División de Honra producíronse xogando en ambos os laterais. Electricidade pura. Penetracións punzantes, cambios de dirección fulgurantes e moita fluidez convertérona nun complemento perfecto, capaz de cambiar o rumbo dos partidos saíndo desde o banco. Sancha sumou 51 tantos este curso. O seu obxectivo para o próximo é mellorar todos os seus números e consolidarse definitivamente na liga Guerreiras Iberdrola.
“Imos estar en Europa, que é un punto moi a favor”
María Sancha
“Estou súper contenta de renovar un ano máis. Síntome moi a gusto tanto co club como coa xente do pobo porque sinto que é coma se estivese na miña casa”, destaca a palentina, que augura unha tempada 2022/23 “difícil” pero que tamén terá “bos momentos” nas tres competicións que disputará o Guardés. “Imos ter un equipo competitivo, que poderá loitar polos postos de arriba e imos estar tamén en Europa, que é un punto moi a favor”, expresa Sancha, que espera “gozar, facer gozar, xogar e que salga todo ben”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario