BALONMÁN
DHF
Sandra Santiago continúa enrolada na nave do Atlético Guardés
A internacional portuguesa continuará no curso 2022/23, o cuarto na Guarda para ela
Anotou 71 goles en Liga pero quedou sen copa por unha inoportuna lesión de ombreiro
Santiago: “Estou moi contenta de seguir formando parte deste gran club”
Redacción / Deportes
O Mecalia Atlético Guardés segue dando pasos na confección do seu cadro de persoal para a próxima tempada. E, no referente á primeira liña, pechou a continuidade de Sandra Santiago, que vivirá a cuarta campaña na vila do Trega.
A internacional lusa chegou en 2019 xunto á súa compañeira de selección Patrícia Lima. Ambas creceron xuntas na Guarda, tanto dentro como fóra da pista. E seguirano facendo a tempada que vén. Ademais do dinamismo propio dos ataques do conxunto miñoto, Sandra achega lanzamento exterior. Un matiz que a adoita distinguir do resto da primeira liña e un valor engadido en moitos partidos. Esta tempada achegou 71 goles ao equipo, entre outras moitas cousas. A gran espiña cravada foi unha luxación de ombreiro producida nun partido con Portugal, que a apartou de disputar a fase final da Copa da Raíña en Donostia, onde acudiu para apoiar ás súas compañeiras desde fóra.
“Estou moi contenta de renovar un ano máis e seguir formando parte deste gran club”
Sandra Santiago
“Estou moi contenta de renovar un ano máis e seguir formando parte deste gran club”, explica a primeira liña de Águeda. “É unha alegría poder seguir gozando deste bonito pobo, que é A Guarda, e tamén da mellor afección do país”, engade Santiago, que se mostra con “moitas ganas” de “comezar a nova tempada, coñecer ás novas compañeiras e seguir levando o nome do Atlético Guardés e da Guarda por Europa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario