16 de xuño de 2022

CULTURA

Xosé Luna presenta en Santiago o seu novo libro A mar, amar, no que “navega aproando nas emocións, nas lembranzas e nas ilusións”  

O autor estivo acompañado pola ilustradora Olaya Naveira e polo crítico literario Armando Requeixo, quenes camiñaron do seu lado durante a concepción do título   

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou a importancia de obras que, coma esta, contribúen a elevar a literatura galega deica o máis alto  

No acto, que tivo lugar no céntrico Hostal dos Reis Católicos, non faltaron a música nin os tintes poéticos 


Acompañado da ilustradora Olaya Naveira, do crítico literario Armando Requeixo e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o escritor estradense Xosé Luna Sanmartín vén de presentar a súa nova obra A mar, amar

Aitana Iglesias Márquez / Santiago de Compostela

 O escritor estradense Xosé Luna Sanmartín vén de presentar a súa nova obra A mar, amar, un poemario no que navega polo mar e por todo o a el vinculado apoiándose nos sentimentos. Un agarimo ao océano, baixo o selo da Editorial Bolanda, que foi dado a coñecer na capela real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela este xoves, nun acto ao que acudiu o propio autor acompañado da ilustradora do título, Olaya Naveira, do crítico literario Armando Requeixo e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou a importancia de títulos como o de Luna Sanmartín, que contribúen a elevar a literatura galega deica o máis alto.

 A elección do mar como protagonista deste poemario non responde á casualidade, xa que, para Luna Sanmartín, este elemento “é a vida” e a clave poética na que está concebido, “a xerfa dos días de luz e de mourén”. Unha chea de emocións que se valen da figura deste elemento para seren explicadas e que Armando Requeixo, crítico literario, dá en definir como “unha liña do horizonte que escintila esperanza, a ardora dos efectos”, nun libro que “ten como protagonista ao mar” baixo a “ollada evocadora” dun auor que “atesoura, a partes iguais, soños e desexos”.


O escritor Xosé Luna coa ilustradora Olaya Naveira

 A mar, amar foi para a súa ilustradora, Olaya Naveira, todo un desafío, facendo fincapé no “difícil” que lle resultou “retratar o mar e encaixalo nas medidas dun libro, porque é inmenso, case infinito… igual que as historias que garda e os sentimentos que crea”. Neste sentido, non perdeu a oportunidade de salientar que, malia ser do interior, pasaba os domingo da súa nenez “indo a ver o mar”, fose verán ou inverno, polo que tamén se convertiu, para ela, en fonte de profundas sensacións.

 A xeito de confesión, Luna Sanmatín falou sobre a relevancia desta obra dentro da súa traxectoria e do significado do que goza a nivel persoal, dado que se trata dun libro no que puido dar renda solta á espiritualidade, navegando “os sete mares e arquipélagos paradisos” para canalizar “emocións, lembranzas e ilusións” sobre o papel. Na súa intervención non esqueceu agradecer á Editorial Bolanda a súa implicación, amosando unha gran sensibilidade á hora de concebir un poemario que leva aos lectores “polos areais da tenrura”.


Un momento da actuación da Coral Polifónica de Berres

 A cerimonia, que estivo amenizada por recitais músico poéticos da man da Coral Polifónica de Berres, de alumnos do IES Nº1 da Estrada e dos CEIP do Foxo, de Oca e Xesús Golmar, concluíu coa actuación do cantautor galego Manoele de Felisa. 

 Xosé Luna Sanmartín naceu na Estrada en 1965. Cunha vocación clara desde a infancia, acumula unha exitosa obra que toca todos os xéneros literarios con títulos como Camiñando, camiñando..., O libros dos bicos ou O tempo entre as mans, e que o fixo merecedor de numerosos galardóns o Premio Reimóndez Portela de Xornalismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario