Segundo afirma o BNG
“O GOBERNO DO PSOE INCUMPRE O INFORME DE PATRIMONIO NA HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DA IGREXA DE SANTA MARÍA”
Anxo Lois Baz (portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, no Concello de A Guarda): “O BNG pide a paralización das obras mentres non se adapte o proxecto ás recomendacións de Patrimonio que ademais coinciden coas demandas da veciñanza”
Infogauda / A Guarda
O portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda, Anxo Lois Baz Vicente, fixo público que “o BNG vén de presentar por rexistro un escrito esixindo a paralización das obras de humanización da contorna da igrexa de Santa María mentres non se adapte o proxecto ás recomendacións da Dirección Xeral de Patrimonio.”
Anxo Lois Baz refire ademais que “o informe de Patrimonio emitido en xaneiro de 2021 indica entre outras consideracións que o proxecto do Concello enche e satura o espazo de mobiliario, que tamén supón un obstáculo para a apreciación dos bens do patrimonio cultural”. Noutro momento o informe dí que se trata “dun axardinamento estraño da contorna, sen orde ningunha, con plantas alleas ao lugar”.
Asemade, o informe de Patrimonio tamén manifesta que “para revalorizar o petróglifo que existe neste espazo deberíase considerar destapar unha superficie máis ampla da rocha sobre a que está gravado e recuperalo integrado nun espazo de zona verde que podería funcionar como elemento disuasorio dos vehículos”.
Por último, Anxo Lois Baz declara: “As indicacións de Patrimonio coinciden no esencial coas reivindicacións da veciñanza da contorna”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario