6 de xuño de 2022

A GUARDA

O IRMANDAMENTO DO CONCELLO DE A GUARDA CON PÓVOA DE VARZIM CADA DÍA MÁIS PRETO

A Comisión guardesa reunirase no salón de plenos do Concello de A Guarda, o vindeiro venres día 10 de xuño, ás 10:00 horas


Grupo veciñal de A Guarda, nun momento da visita ao Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, o 26 de agosto de 2018

Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 No día de hoxe, o alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Baz Lomba notificoulle ao portavoz - oportunamente designado ao efecto -  de cada un dos respectivos grupos municipais, a convocatoria da Comisión de Irmandamento do Concello de A Guarda con Póvoa de Varzim, para o vindeiro venres día 10 de xuño de 2022, ás 10:00 horas, no salón de Plenos do Concello. 

 Dese xeito, como xa informamos neste xornal dixital transfronteirizo, é un paso máis no protocolo establecido regulamentariamente. Por iso cada día que transcorre está máis preto a data do acto de irmandamento oficial do Concello de A Guarda e a Câmara Municipal de Póvoa de Varzim. E por extensión da cidadanía de cada unha das poboacións con seculares vencellos de relación, tanto por vía marítima -lanchas poveiras que se resgardaban do mal tempo, no porto de A Guarda, e cuxos tripulantes mesmo subían ata á ermida de Santa Trega, para invocar á protección da Virxe, antes de retornar á Póvoa de Varzim - como dos volanteiros guardeses que ían - de xeito totalmente sostible -, ata o mar poveiro na procura das pescadas. En singraduras dunhas 80 millas náuticas, entre ida e volta, cando á navegación marítima tiña como únicas propulsións, o vento e os remos co conseguinte esforzo das tripulacións.

 Póvoa de Varzim e A Guarda, teñen - desde tempos prehistóricos - semellantes orixes e idénticos medios primarios de subsistencia (o traballo na terra e no mar) e mesmo semellantes sinais identitarias, expresadas de xeito gráfico nas marcas ou siglas, representadas nos aparellos do traballo, especialmente os relacionados con medio mariño.

 É unha linda historia a relación da veciñanza da Póvoa de Varzim coas xentes de A Guarda.

 Agardamos con ilusión a concreción dos actos de irmandamento e todo canto intuimos vai supoñer a nivel sociocultural ese feito, que vai ser un fito nas relacións entre os dous pobos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario